Os oficios

TERRA DE CANTEIROS.- 

Así é coñecida Xeve. Destas terras xurdiron labregos da pedra durante os últimos séculos. De pais a fillos íase transmitindo este oficio duro. Traballaban o granito marcando cunha regra unha liña recta por onde ir a aresta. Co martelo íase desprendendo a pedra sobrante para despois, co cicel e a maceta, afondar na aresta. Empregábase o pico para manter o resto da superficie igualada e, por último, coa buxarda (unha maza de ferro) alisábase toda a peza.
Nos traballos de labra fina tamén se empregaba como material o compás, a escuadra e a chumbada para medir a obra.
Os canteiros de Xeve foron responsables de obras como a Escola Naval Militar de Marín; os Paradores de Turismo de Pontevedra, Cambados, Tui e Baiona; a reconstrución da ponte do Burgo; o Mercado de Pontevedra ou Hospital Xeral de Vigo.

E DE MÁIS OFICIOS.-

Os Ferreiros fabrican utensilios agrícolas e ferraxes necesarias para carros e casas. Traballan na forxa, alí se instala o fogón ao que se lle insufla aire co barquín para dar forma ao ferro. Entre outras, empregan tenaces, atizadores e martelos Os Carpinteiros traballan a madeira. Os de armar preparaban as estruturas e os teitos das casas e os de taller, con obradoiro, fabricaban os mobles das casas.
Os Augardenteiros elaboran o licor de herbas, branco ou tostado. Son destiladores do bagazo (o cascallo da uva despois de separar o líquido). Empregan un alambique (ou alquitara) construido con cobre rubio que se quenta ao lume. Na parte inferior, da pota deposítase o bagazo e no superior, capacete, condénsase o vapor convertido en augardente.
Os Zoqueiros, zapateiros que facían zocos e zocas, calzado para as humidades das chuvias e as lameiras dos camiños. Desfán a madeira en toros coa medida da zoca, axudados co tronzón. Cunha machada pequena dáballe forma ata furala e baleirala, coas gubias e cos trades. Os Cesteiros crean cestas con madeira de carballo ou castiñeiro, combinada ás veces con vimbios. A través do trenzado do material construíanse cestas e útiles prácticos.
Os Muiñeiros e muiñeiras traballaban nos numerosos muíños de auga. Ata hai cincuenta anos, empregábanse para moer cereais, principalmente, millo e centeo. Os muíños eran da familia, de tal maneira que a propiedade do muíño é compartida e transmitíase por herdanza. Establecíanse quendas para o seu uso, que se convertía nun espazo de relación sociais.

 

OFICIOS DE STO. ANDRÉ EN 1752 
(Censo realizado o día 3 de decembro dese ano)

- 296 canteiros
- 54 tratantes de fariña
- 44 muiñeiros
- 37 costureiras
- 31 aprendices de cantería
- 17 xastres
- 17 tecedores ou tecedoras
- 16 “pobres”
- 12 mestres de cantería e arquitectura
- 10 carpinteiros
- 10 cardadeiras
- 7 milicianos
- 3 curtidores de coiros
- 3 estanqueiras de tabaco
- Un de cada unha destas profesións: xuez, escribán, ministro, carceleiro, maordomo, sangrador e barbeiro, gaiteiro, palilleira, sacristán, zoqueiro, mestre de nenos, cereiro e arrendatario