O río lérez

O GRAN COMPAÑEIRO DA PAISAXE.-

Nace en Aciveiro, Forcarei, na Serra do Candán, aos pés do monte de San Bieito, onde Case non se manteñen os restos dunha capela. Rega terras de Cerdedo, Campo Lameiro, Cotobade e Pontevedra. O seu caudal é resultado da unión das fontiñas de Pao Dereito e Rego Dedra e, de seguido, os regos da Mexadoira e dos Bidros. No Rueiro da Noveliza toma forma de río. Xa hai constancia da súa existencia en documentos romanos, e na Idade Media se lle chamaba o Río Grande de Lérez. Así figura tamén no Catastro do Marqués da Ensenada (1755). A súa importancia etnográfica explica a cantidade de patrimonio que o franquea: só en Pontevedra existen 52 pezas , das que 14 son muíños, 13 deles en Santo André. Hai tamén 7 pontes (3 en Sto. André), 6 lavadoiros, 5 cruceiros, 2 petos de ánimas, unha fonte, un antigo balneario (o de Lérez) e un hórreo. Tamén hai vellas adegas e mesmo construcións en pedra das que se descoñece a función. Maltratado Augas abaixo de Xeve, o río veu estreitar a súa canle cos continuos recheos de boa parte das xunqueiras do Vao e do Covo, e a banda urbana, que rachou para sempre co seu histórico porto fluvial. Tamén a Ensenada de Lourizán foi invadida por unha industria contaminante nos anos 60 da anterior centuria.

E DAS XENTES.-

Sábese que as beiras do Lérez estiveron moi poboadas no pasado, e así o proban os petroglifos, mámoas, castros e, máis recentemente, mosteiros e grandes casas que descansan preto das súas marxes. Esta pode ser tamén a explicación a tantas historias, contos e lendas que circulan arredor do río: a da trabe de ouro que deixaron os mouros e mouras cando tiveron que fuxir a toda a présa; a da galiña de ouro que saía tódalas noites de san Xoán e non había quen de pillala; a da cruz do namorado que se vía no fondo do río nas noites claras de lúa chea, e tantas e tantas outras.