O que podes ver por esta contorna

Para máis información de tipo turístico e cultural, pode visitar www.terrasdepontevedra.org

1 Os Milagres de Amil 10,7 km


O primeiro domingo despois do 8 de setembro, Moraña acolle esta romaría, unha das máis importantes de Galicia. Milleiros de devotos asisten ata a capela coa intención de recuperarse dalgunha doenza ou buscar o amparo da Virxe para afrontar dificultades. O santuario foi construído na Roza Vella, e a tradición di que a orixe da romaría remóntase a 1778, cando un arrieiro chamado Sebastián Castor, canso de ir buscar diariamente auga a unha forte lonxana, pidiu á virxe un manancial máis próximo. Comezou entón a cavar, e axiña achou un nacente de tal caudal que decidiu construír un muíño. O arrieiro fixo levantar, entón, unha fonte e un templo e honor á Virxe. O santuario é neoclásico cunha pranta de octógono regular e torre de estilo barroco compostelán. Foi construído entre 1845 e 1869 por un mestre de obras da comarca. Conta con tres portas de acceso adinteladas, das que a principal, con moldura, enmárcase nun pórtico con dúas columnas de fuste e capitel lisos. O pórtico remata nun frontón triangular sobre o que se erixe unha torre campanario de dous corpos. Ao lugar do Santuario accédese por unas escaleiras de granito que se inician perto da fonte que dá lugar ás lendas que explican a creación do santuario.

www.morana.org

2 San Bieito de Lérez 6,2 km

O Mosteiro de San Salvador ou San Bieito de Lérez (máis coñecido popularmente como San Benitiño) foi fundado no século X polos monxes benedictinos, e reformado entre os séculos XVI e XVII. É un templo neoclásico con fachada barroca do século XVIII coa imaxe do santo nunha hornacina. Adosada ao muro sur mantense un ala do claustro do século XVI. Nalgúns dos sillares deste muro aínda se conservan signos lapidarios e inscricións románicas da construción orixinal. Na Capela de San Bieito, do ano 1700, destaca unha imaxe do Salvador. No século XVI o claustro chegou a converterse nun Colexio de Humanidades e Filosofía no que destacaron o Padre Feijóo e o Padre Frei Martín Sarmiento. O seu maior engado popular dállo a romaría que cada 11 de xullo congrega milleiros de persoas en torno ao templo do “santo máis milagreiro”, como é chamado nos cantares populares. Alí acuden coa intención de curar algún mal, especialmente se se trata de verrugas. É costume pasar de xoenllos por debaixo do altar do santo e untar un dedo na lámpada do aceite con sona de milagreiro.

3 Parque Natural da Barosa 14,3 km

No concello de Barro, a poucos quilómetros de Xeve, atópase un dos máis prezados tesouros naturais. As doces e longas fervenzas que debuxa o río da Barosa, converteron co paso do tempo este lugar nunha das grandes áreas de lecer dos pontevedreses, sobre todo no verán. Os saltos de auga servían noutros tempos para dar vida aos diferentes muíños que fóron construidos ao longo da fervenza, aproveitando a espectacular formación rochosa, todo un agasallo da natureza e a intelixencia do xénero humano para valerse dela dun xeito amábel e sustentábel.

www.barro.es

4 Apípolis

Unha granxa de abellas para observar de preto e dende dentro a vida destes insectos. Se de Santo André de Xeve é case unha obriga levar algo de mel, Apípolis descobre todos os segredos do mundo das abellas. A parte divulgativa está dividida en dez salas, adicadas ás abellas, á raíña, á polinización, ás abellas e o medio, ás abellas e á alimentación, xardín melífero, apiario, a apicultura, os produtos das abellas, e as abellas e a cultura. Os 10.000 metros cadrados de recinto conteñen ata 34 diferentes actividades encamiñadas a reforzar as mensaxes que se transmiten, ademáis de programas de autoevaluación, multicarteis, abellas en colmenas que permiten a súa detalladas observación, maquetas, reproducción de esceas a tamaño real, vídeos, un completo apiario, un xardín melífero e zonas de esparcemento. A visita en grupo tamén inclúe unha degustación de productos naturais. Couso, 10. Sto. André de Xeve.

www.apipolis.com Tlf. 986 879 016

5 Campo Lameiro 11,4 km

Os xacementos de arte rupestre máis importantes da península ibérica. Son un dos atractivos culturais máis relevantes das Rías Baixas. Datan do ano 3200 antes de Cristo e foron declarados en 1974 Monumento histórico-artístico nacional. Hai localizados 45 grupos de petroglifos da época do Neolítico e da Idade de Bronce. Representan figuras de animais, como cabalos e principalmente cervos ademais de humanos con armas e en actitude de caza nalgunhas escenas e noutras representando algún enfrontamento. Destacan as figuras aparecidas na Laxe dos Cabalos, na Pena do Outeiro Furado ou na Fonte de Pena Furada.

www.campolameiro.com

6 Cotobade 17,6 km

É famosa polas súas carballeiras e bosques de castiñeiros, como a de San Xusto, en Sacos. Está bañada polos ríos Lérez e Almofrei. É coñecida polo "Canón de Pau", un canón de madeira empregado en 1809 contra os franceses que aparece no seu escudo. Tamén polos petroglifos da Porteliña da Corte, un conxunto de gravados da Idade de Bronce. A Cruz do Castro é un xacemento arqueolóxico en Carballedo, formado por varios recintos fortificados e distintos elementos etnográficos e construccións de arquitectura popular. Actualmente está en escavación.

www.concellodecotobade.org

7 Pontecaldelas 18,3 km

Interesante conxunto urbano e natural á beira do río Almofrei, con engaiolantes paseos fluviais e rotas de sendrismo, así como a Área Arqueolóxica de Tourón, unha extensión de 150.000 m2 con 5 estacións de observación e un Centro de Interpretación.

www.pontecaldelas.org

8 Pontillón do Castro 4 km

Parque forestal darredor do encoro, un espléndido paseo por varias sendas e a posibilidade de practicar deportes como piragüismo, escalada e bici de montaña. Tamén podes subir ao Outeiro do Castro desde o que se divisa todo o val de Verducido e onde hai un fermoso monumento ao canteiro. O Centro Deportivo do Pontillón é un dos mellores espazos para practicar piragüismo en augas tranquilas de Europa, un centro de referencia internacional para este deporte.

Pontevedra 8 km

Unha visita imprescindíbel se andas por aquí. O centro histórico é toda unha homenaxe á arquitectura urbana galega: as súas rúas empedradas, o Camiño Portugués que o atravesa e as súas pontes e prazas conservan o encanto de tempos pasados co brillo dos presentes. A Real Basílica de Santa María, os conventos de San Francisco e Santa Clara, as ruínas de San domingos, wa igrexa de San Bartolomé e o emblema da capital, o santuario da Peregrina, conforman a lista de arquitectura espiritual. A Casa das Campás, o Pazo de Mugartegui e o conxunto de edificios do Museo de Pontevedra conforman a oferta civil, que se completa coas prazas da Verdura, A Ferrería, A Leña, Méndez Núñez e Curros Enríquez, epicentros dunha cidade peonil, comercial e sempre animada. Non esquezas os seus longos paseos naturais: a Senda do Lérez, cara a Bora; a do Gafos, cara ao sur; o paseo marítimo da Av. de Marín, a Xunqueira de Alba e a do Covo, tamén chamada Illa das Esculturas pola interesante colección de arte contemporánea.

www.pontevedra.eu