O antigo Concello de Xeve

Cen anos de testemuñas e curiosidades ordenadas cronolóxicamente

1847
O 25 de Xaneiro redáctase a primeira Acta Municipal. Consérvase no Arquivo Municipal de Pontevedra, ao que foron trasladados os documentos do extinto Concello, que o secretario chama de “Berducido”, ben por equivocación, ben porque alí se atopaba o primeiro edificio municipal. O primeiro alcalde foi D. Alberto Gómez.

1852
Na sesión de 4 de xaneiro noméase un síndico, cargo que hoxe correspondería cunha especie de “Defensor dos Veciños”

1856
O día 28 de Outubro designan hospital provisorio a Casa da Granxa, no centro de Santa María, debido á epidemia de cólera morbo que azoutaba o país.

1865
O 21 de setembro pídese aumento de soldo para o mestre D. José Corbacho Mariño, e que se lle proporcione “unha casa decente” se se lle ordena trasladarse de Santo André a Santa María.


1866
O día 30 de decembro de prodúcese o nomeamento de celadores (Alcaldes de Barrio) nos lugares do Concello


1868
No libro de Actas recóllese unha adhesión esplícita do Concello á Revolución de Setembro, denominada “A Gloriosa”. Un pronunciamento municipal de 2 de outubro.


1873
O día 7 de decembro, o Concello trasládase a unha casa particular en Frieiro, sesión na que tamén se nomea un novo Secretario Municipal.


1875
A sesión do 5 de febreiro foi tumultuosa. Moita xente protestaba polo Imposto de Consumos, unha especie de IVE que había entón.


1878
O día 5 de xullo o Concello trata sobre as honras polo eterno descanso da Raíña María Cristina.


1882
O 3 de setembro os concelleiros reciben do Estado a Colección de Pesas e Medidas Métricas, co gallo da entrada en vigor do Sistema Métrico Decimal que desde entón está en vixencia.


1890
O día 29 de abril a Xunta Municipal de Asociados (composta pola Corporación e os maiores contribuíntes) aproba un orzamento adicional.


1898
O Concello de Xeve aproba unha cuestación para a Guerra de Cuba, contra os Estados Unidos. Foi o 1 de xuño.


1904
Fórmanse Comisións Municipais e capataces de camiños, na sesión do 3 de xaneiro.


1909
Apróbanse indemnizacións pola matanza de animais dañinos (zorros) e polo arranxo dunha fonte pública por un particular, na sesión de 25 de abril

1912
Desígnanse novos capataces encargados dos montes comunais, nunha sesión celebrada o día 7 de xaneiro

1918
O 9 de xuño de recóllese unha referencia á hidrofobia canina, a raiba que afectaba aos animais, un caso que se repite ao longo do tempo

1923
Nace unha nova Corporación, coa sesión constitutiva presidida polo Comandante da Garda Civil. Era o 1 de outubro de aquel ano, ao inicio da dictadura de Primo de Rivera.

1931
Chega a República. Con ela, a nova Corporación democrática, que toma posesión dos cargos o día 20 de abril. D. Lino Tilve Corbacho será elixido alcalde.

1936
           A Corporación de Xeve adhírese ao Estatuto de Galiza o día 14 de xuño.

O Golpe de Estado do 36 supón a destitución da Corporación, a traición á democracia e ás aspiracións nacionais de Galiza. Toma posesión un Delegado Gubernativo. A primeira acta da dictadura franquista en Xeve data do 28 de xullo de 1936, dez días despois de comezada a guerra. Nela, pese a que o seu contido violenta a Constitución, figura o carimbo “Ayuntamiento Constitucional de Geve”.

1942
O día 19 de febreiro, Xeve propón a súa integración en Pontevedra


1944
Celébrase a última reunión oficial do Concello de Xeve, o día 1 de agosto, momento no que as tres parroquias do norte quedan definitivamente unidas á capital. O punto da orde do día denomínase “Cese de este Ayuntamiento”. O último alcalde chamábase Benito Rivas Hermida.