Algunhas lendas do lugar

LENDAS E MITOLOXÍAS.-

Entre o patrimonio inmaterial de Xeve destaca a súa riqueza de tradicións e lendas. A riqueza máxica que envolveu este lugar cheo de ríos, montes graníticos e homes e mulleres cheos de vitalidade e imaxinación, deu orixe a moitas historias. O que sí é certo é que crearon un mundo irreal polo que hoxe paseamos encantados e encantadas da man da literatura oral. Historias que proceden da orixe dos tempos, que revelan parte da nosa herdanza histórica e nos definen e singularizan diante doutros pobos do mundo.

O CACHOTE DA MOURA.-

A Bouza está en Couso, preto do Lérez. Alí existe o Pozo Negro, polo que todos e todas pasan temerosos e temerosas e con présa. Non se sabe que profundidade ten. Pero sí que é moi perigoso, onde din que desapareceu moita xente cando se ían bañar. Por exemplo, a fermosa moza loira que logo do seu falecemento aparecíase ás 12 da noite convertida en serea para peitearse na beira cun peite de prata. Dise que cando quixeron desencantar a rocha na que aparecía, chamado o Cachote da Moura, quedaron cegos.

O CASTRO DE MAÚNZO.-

Estas ruínas están en Santo André de Xeve, camiño de Amil. Disque debaixo hai unha fermosísima cidade soterrada na que habitaban os mouros. Quen a veu dixo que o teito da montaña está sostido sobre catro enormes columnas de ouro. Alí, ata os xugos dos bois están feitos do prezado metal, pero non se pode desenterrar, xa que con só tocala desaparecía. Seica de alí parte un túnel ata a Casa de Gondar, que lembra a outro entre o monte Castelo por debaixo de Casaldorado e Cendona que vai á Xunqueira da Gándara. Era para que levasen os cabalos beber ao río.

AS COVAS DO CASTRO.-

Nas Covas do Castro hai moitos anos que ninguén se atreve a entrar porque tiña medo a non volver saír. Uns valentes fixeron unha proba para ver se era certo: atáronlle unha corda moi longa a un can moi fiel e metérono dentro. Ao ver que o can deixara de facer forza, sacaron a corda e non atoparon nada atado a ela. Agardaron dous días a ver se saía, pero o can non aparecía por ningures. Entón pecharon as entradas con pedras para que ninguén entrara para nunca máis volver.