festas e romarías

As mallas

Unha das grandes tradicións sociais de Galiza. Ocorría tras a faena da malla, en leiras onde se botaba centeo e trigo. Os terreos eran recubertos de “paparruallo”, bosta de gando mesturada con auga, que secaba ata endurecer como se fose cemento. Sobre ese chan botábanse os mollos das medas dando forma as eiradas e así comezaba a malla. Un ritual que se levaba a cabo nos días de sol do verán. Os malladores empregaban pértegos no seu labor. Repartíanse en dúas ringleiras para bater nas espigas ata que soltaran todo o gran. Tras o duro traballo celebrábase a festa con xantares comunais nos que non faltaban cantigas, xogos e bailes ata ben entrada a noite.

As muiñadas

A moenda nos muíños repartíase por un sistema de quendas entre os veciños que levaban o centeo para despois cocer o pan. As esperas da noite convertíanse, as veces, en xuntanzas nocturnas onde contaban lendas e historias á luz dos candís. Mesmo chegaban a celebrarse festas coñecidas como as muiñadas nas que se cantaba e bailaba mentres pasaban as horas e cada quen agardaba a súa quenda para moer. Os muíños tamén eran lugar de encontro dos namorados.

O San Xoan

A noite de San Xoán, a máis curta do ano, sempre foi máxica e cargada de tradicións. Unha delas, é a dos mozos que andan ás cancelas. Deste xeito, cando esmorecen as fogueiras, percorrían os camiños e entraban en pendellos e curros na procura de carros, cancelas, arados e trebellos que arrastran ata preto do adro da igrexa ou abandonan nalgunha leira afastada. Esta tradición obrigaba a que os propietarios tiveran que esforzarse, ao día seguinte, para atopar e recoller as súas pertenzas.

As festas relixiosas

Sta. María de Xeve Santo Antón de Padua (domingo seguinte ao 13 de xuño), chamado “O milagreiro Santo Antón” pola cantidade de milagres que se lle atribúen, é o patrón dos pobres e dos obxectos perdidos. Tamén se celebran dalgún xeito O Carme (o domingo seguinte ao 16 de xullo), a patroa dos mariñeiros, a Inmaculada Concepción (8 de novembro), cando arredor da Igrexa se organizaba unha pequena romaría con gaiteiros e outros músicos, e o Corpus Christi (xoves seguinte ao oitavo domingo despois de Resurrección) Sto. André de Xeve O 30 de novembro celébrase o Santo André, o primeiro discípulo de Xesucristo. O 16 de agosto, San Roque e o primeiro domingo despois do Corpus Christi celébrase o Santísimo, así como tamén o día da Nosa Señora do Carme. Verducido O 3 de febreiro celebran o San Breixo, o santo encargado do coidado das gorxas. O San Martiño, alá por novembro (a onomástica oficial é o 11 de novembro) é o Patrón de Verducido, pero tamén o día de Santa Bárbara (4 de decembro), así como o Corpus, o xoves seguinte ao oitavo domingo despois de Resurrección

Hoxe, as veciñas e veciños dos dous Xeves e Verducido participan tamén intensamente nas festas de Pontevedra, en especial na Feira Franca (primeiro domingo de setembro), o Entroido e a Peregrina (segunda semana de agosto), pero tamén nas que teñen lugar no ciclo festivo anual (Outono, a Cabaza, o Nadal, etc.)