A presa do Pontillón

AUGA É VIDA.-

A obra humana máis significativa deste territorio é sen dúbida o depósito do Pontillón do Castro, ao norte de Verducido, un fermoso lago artificial de 1,4 hectómetros, formado pola presa construída no río chamado Rons ou Loural, unha das dúas canles (a outra é a dos Fontáns) que baixa do Acibeiro cara á ría. Necesitábase auga potable e o Lérez non sempre a levaba en abundancia, polo que se decidiron a construir este enorme vaso que xa forma parte da nosa vida.

UNHA OBRA CON MOITAS VOLTAS.-

É a presa núm. 217 na Relación de Embalses da Dirección Xeral de Obras Hidráulicas do Estado. e foi construída entre 1943 e 1956. Técnicamente é unha presa de gravidade, construída en mampostería granítica. A súa altura máxima é de 23 metros sobre os seus cimentos, e unha lonxitude de coroación de 159 metros. O aliviadeiro de lámina libre está construido en formigón armado e foi deseñado para evacuar un caudal de 50 m3/sg. O depósito exténdese sobre unha superficie de 10,8 hectáreas.
En 1939 deciden ampliar o abastecemento de augas, e falan co enxeñeiro Rafael Picó para redactar o proxecto. Dous anos despois pídese un préstamo ao Banco de Crédito Local para financialo. Adxudícase en marzo de 1943 por case un millón de pesetas (998.014), e 176.765 pts das primeiras expropiacións.
No 47 hai depositados medio millón de litros de auga, momento en que se encarga a ampliación da presa ata os definitivos 23 m e mellora da conducción da auga ao Depósito de Lérez a D. Antonio Maldonado. Costa 800.000 pts.
En 1949 detectan fugas, e encárgase unha impermeabilización da presa. A obra remata definitivamente en 1956.
Nos 90 volven a realizarse traballos de impermeabilización do paramento interior.
Xa no século XXI inaugúrase o Centro Deportivo do Pontillón do Castro, dedicado ao piragüismo, cun Campionato de Europa. Esta pista é hoxe un referente internacional para o piragüismo en augas calmas e foi capaz de estimular a práctica deportiva de moitos mozos e mozas.
En 2010 ábrese o Parque Forestal do Pontillón, en colaboración coa Comunidade de Montes. Tres grandes sendas (a do Embalse, a do Castro e a do Outeiro), novas plantacións de especies autóctonas e un rocódromo son os fitos máis significados.