A Historia

NA ORIXE.-

A presencia humana nestes contornos remóntanse a moitos séculos atrás. Na época prehistórica existían diversos castros que aínda se conservan na zona: o Monte do Castro, en Verducido e os dous situados en Santo André de Xeve (o de Maúnzo e o de Sobral). Preto do primeiro localízase o lugar da Torre, o que fai pensar que na Idade Media había alí unha fortaleza ou algún outro tipo de edificación defensiva.

AS PEGADAS ROMANAS.-

Tamén o Imperio Romano deixou as súas pegadas. Dous bos exemplos son os que atoparon por casualidade dous campesiños no século XIX. Segundo contan, foi un labrego quen, traballando preto da capela de San Roque, rompeu sen querer o que resultou ser unha ánfora chea de moedas de ouro, prata, la, cobre e bronce. Estaban perfectamente conservadas, malia pertencer a diferentes épocas entre os séculos I e IV. E sorpresa semellante levou a muller que cavaba o millo cando coa aixada estragou una vaixela da que comezaron a saír numerosas moedas da época romana. Unha vez limpas, revelaron no seu anverso os bustos de emperadores romanos como Galieno, Claudio e Filipo, entre moitos outros. Nesta ocasión non eran de ouro nin de ningún outro metal precioso, pero de grande valor.

A LIBERACIÓN DA LUCTUOSA.-

Non se pode falar da historia de Xeve sen deterse nun dos episodios máis significativos do seu pasado: o momento no que o entón párroco da fregresía de Santo André de Xeve, Francisco Argüelles, libera á veciñanza da Luctuosa, un dereito antigo que nalgunhas provincias se pagaba ao señorío e prelados cando morrían os seus súbditos ou súbditas. Tratábase dunha especie de imposto que os vasalos e vasalas pagaban ao seu señorío por coidalos cando morría alguén da familia. Foi a finais do século XVII. "A chegada de Francisco Argüelles remata coa redención da luctuosa: consegue que a veciñanza pague dunha vez e para sempre 2100 ducados, con autorización real, e aquí cambia a historia de Xeve”.

NO CATASTRO DE 1755.-

A autonomía das terras de Xeve queda recollida xa no Catastro do Marqués da Ensenada, de 1755, onde especifica que están gobernadas baixo a forma dun Couto. Este documento divide tamén Santa María e Santo André, unidas ata ese momento, e establece que o Couto de Xeve quedaba integrado por Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Verducido e os mordomos pedáneos. O territorio pertencía ó Señorío de Bermúdez de Castro, donos de moitas terras e da Casa de Gondar, entre outras propiedades.