Xeve de Memoria é unha Aula de Interpretación do seu contorno máis próximo: o presente, o pasado e o futuro dos Tres Xeves, ou de Santa María, Santo André e Verducido, un conxunto de tres parroquias con fonda personalidade e un pasado común, situadas ao norte do Concello de Pontevedra.
Dedícase non só aos espazos que coñecemos hoxendía, senón tamén aos que coñeceron os nosos devanceiros, e no que vivirán os nosos fillos e netos.
Aquí repasamos a historia e o patrimonio que durante séculos marcaron e definiron o carácter tanto das súas xentes como dos seus costumes, tradicións e aspiracións. Unha ollada do pasado ao porvir destas parroquias que no seu día fóron Coto de Xeve, máis tarde Concello de Xeve para despois deixar de selo, e incorporarse ao de Pontevedra, sen que estes cambios mermaran a súa esencia.
O patrimonio arquitectónico e artístico de Xeve é a pegada dun pasado que se fixo pedra. O valor real destas terras pontevedresas, o seu tesouro inmaterial, son as súas xentes. Por iso teñen aquí un protagonismo destacado.
As testemuñas vivas de moitas persoas que reflicten o carácter destas terras e que realmente servirán de lección e de exemplo ás xeracións vindeiras. A elas e ás que fixeron posíbel este presente vai dedicado esta aula de interpretación.
Xeve de Memoria pode apreciarse de dous xeitos distintos: presenzal e virtual.
A Aula contén paneis informativos, pantallas táctis, audio displays, pantallas para audiovisuais e aula informática.
As visitas presenciais poden realizarse por grupos, previa cita, solicitándoo aquí.
Durante o mes de abril de 2011, pode realizarse visitas individuais á Aula os sábados de 11 a 14 e de 17 a 20 horas, e os domingos de 11 a 14 horas.
Xeve de Memoria ten a súa sede no Centro Socio-Cultural de Santa María de Xeve.
