Alba

Situada ao norte da cidade, a parroquia de Alba linda con Campañó, Cerponzóns e Lérez coas que constituíu concello ata o ano 1868.

Na parroquia destaca, pola súa importancia ecolóxica e paisaxística, a Xunqueira de Alba, unha das poucas zonas húmidas naturais da ría de Pontevedra declarada ENIL.Trátase dun medio cunha gran diversidade vexetal, refuxio de aves acuáticas, anfibios e pequenos mamíferos, incluíndo algunha lontra. Na zona norte aprécianse bosques de ribeira e prados, sobre todo na desembocadura do regato Rons.

En Alba atopouse un miliario adicado ao emperador Caracalla, mostra do evidente paso da vía romana número XIX por esta parroquia. Como zona pola que pasa o Camiño Portugués, o lugar coñecido co nome de Guxilde albergou gran cantidade de peregrinos. E excepcional camiñante foi a raíña de Portugal, dona Isabel, quen no ano 1325 peregrinaba a Santiago para pregar polo seu defunto marido.

Alba acolle numerosos cruceiros, e mesmo un deles foi fonte de inspiración para o ilustre Castelao na redacción da súa senlleira obra As cruces de pedra na Galiza e na Bretaña

Cómpre visitar a igrexa parroquial de Santa María, de estilo neoclásico-barroco e consagrada por don Diego Xelmírez, que a primeiros do século XII adquira a propiedade do templo, reconstruíndoo e converténdoo en diocese. Tamén se pode visitar  a capela de san Caetano, do século XVIII, e a capela da Devesa do século XIX.

A festa patronal celébrase o día 15 de agosto (santa María) e tamén é festa do Santísimo o segundo domingo despois do Corpus Christi.

O Consello parroquial de Alba

  • 2 representantes do lugar de Pontecabras
  • Representante do lugar de A Devesa
  • 2 representantes do lugar de Guxilde
  • Representante do lugar de Lampreeira
  • 3 representantes do lugar de Reiriz
  • 3 representantes do lugar de Touceda

O Plan de parroquia

O plan de parroquia foi elaborado durante varios meses e está recollido nos seguintes documentos: