ANUNCIO RELATIVO Á APROBACIÓN INICIAL DO PROXECTO DE MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PXOU PARA ESTABLECER E REGULAR O USO DE CREMATORIO.

42

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 28/10/2013 , e de conformidade co ditame da Comisión Permanente de Urbanismo e Medio Ambiente, adoptou o seguinte acordo:

 

(…) “Primeiro.- Prestar aprobación inicial ao “Proxecto de modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana do municipio de Pontevedra, para establecer e regular o uso de crematorio”; instrumento urbanístico redactado polo arquitecto municipal xefe da Oficina de Planeamento e Xestión Urbanística, datado o 11/09/2013, cuxa motivación e oportunidade se xustifican na proposta da Tenencia da Alcaldía do 15/11/2012 e no seu desenvolvemento no propio proxecto e no informe proposta da Dirección xeral da área de Urbanismo do Concello do 16/09/2013 e demais que constan no expediente.

Segundo.- Dispoñer o sometemento deste expediente a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial da Provincia, Taboleiro de Editos do Concello de Pontevedra, na páxina web https://www.pontevedra.eu e en dous dos xornais de maior difusión da provincia, con notificación individual aos interesados, todo isto aos efectos de que durante tal período poidan formularse as alegacións e suxestións oportunas, computándose o prazo de alegacións dende o día seguinte ao da publicación do primeiro anuncio e ata o transcurso do prazo de dous meses a contar desde a última das publicacións referidas.

Terceiro.- Dispoñer a suspensión das licenzas de edificación para novas edificacións ou instalacións destinadas ao uso de crematorio, incineradoras de cadáveres humanos ou restos de exhumación, estendendo o seu ámbito a todo o termo municipal mais sen prexuízo do disposto no artigo 120 do Regulamento de Planeamento, Real Decreto 2159/1978, de 23 de xuño.

No anuncio de aprobación inicial farase expresa mención á presente suspensión, con referencia ao devandito Proxecto de modificación puntual respecto da nova normativa proposta, proxecto no que, así mesmo, consta o preceptivo resume executivo.

Cuarto.- Conceder audiencia aos seguintes organismos, co obxecto de que remitan este acordo aos diversos órganos periféricos das súas respectivas administracións públicas con atribucións na materia, co fin de que poidan formular as correspondentes suxestións/alegacións ou emitir os seus oportunos informes, no prazo dun mes a contar dende a notificación deste acordo, podendo durante o referido prazo, examinar no Concello o expediente:

-Delegación do Goberno Central en Galicia.

-Delegación Territorial de Pontevedra da Xunta de Galicia.”(…)

Resumo executivo:

Segundo o determinado no Artigo 11.3 do Texto Refundido da Lei do Solo (Real decreto lexislativo 2/2008, de 20 de xuño).

Promotor: Excelentísimo Concello de Pontevedra.

Editor: Tenencia da Alcaldía responsable da Área de Urbanismo.

Equipo redactor: Oficina Técnica de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello.

Técnico Responsable: Arquitecto, xefe do Servizo: Carlos García Velasco.

Obxectivo: Establecer e regular o uso e a actividade de crematorio en todo o ámbito do término municipal ao non estar contido no planeamento municipal actual nin existir unha normativa urbanística de rango superior de posible utilización subsidiaria.

Contido e alcance: Ao non regular o planeamento municipal o uso de crematorio existe un baleiro que se trata de emendar mediante a modificación puntual do plan xeral, co obxecto de establecer e regular o uso e a actividade de crematorio en todo o ámbito do término municipal.

Delimitación dos ámbitos nos que a ordenación proxectada altera a vixente: O ámbito da modificación puntual é o término municipal, xa que se regula o uso e a actividade de crematorio en todas as clasificacións e cualificacións do solo.

Ámbitos nos que se suspende a ordenación: Suspéndense en todo o término municipal as licenzas de edificación para novas edificacións ou instalacións destinadas ao uso de crematorio, incineradoras de cadáveres humanos ou restos de exhumación, sen prexuízo do disposto no artigo 120 do Regulamento de Planeamento, Real Decreto 2159/1978, de 23 de xuño.

 

Pontevedra, 05 de novembro de 2013

O Secretario Xeral do Pleno, PD

A técnica da Administración xeral

 

 

Beatriz Rodríguez Yáñez

Ver documento PDF
Ver documento PDF
Ver documento PDF
Ver documento PDF