As Pontes de Pontevedra

Símbolos, ritos, literatura oral

Rafael Quintía

poldras, como elementos arquitectónicos fundamentais na construción e humanización da paisaxe, acompáñannos dende que o home se botou a percorre-los camiños desta terra nosa. Moitos deles non só teñen un indubidable valor artístico, histórico e/ou etnográfico senón que son depositarios tamén dun fondo e importante patrimonio inmaterial. Do mesmo xeito que unen as dúas beiras dun río, as pontes unen o patrimonio material e o inmaterial nun mesmo elemento arquitectónico e simbólico.

Pontes que dan nome a vilas como Pontevedra ou a parroquias como Ponte Sampaio. Refráns que teñen as pontes como referente climatolóxico —En setembro, ou secan as fontes ou os ríos levan as pontes—, ditos nos que a ponte se amosa como unha sorte de reloxo para indica-lo transcorrer do tempo —Xa pasou moita auga por debaixo da ponte—, cantigas nas que as pontes son testemuñas de amoríos, de brincadeiras, de traballos e doutros retazos da vida:

Pasei a Ponte Sampaio,
paseicha nunha carreira.
Que me quería prender
unha rapaza solteira.
O cura foi ó muíño
e caeu da ponte embaixo.
Correde, nenas, correde
que vai polo río abaixo.
Debaixo da ponte do río,
pasaba un barco de vela
cargado de homes mozos,
todos son de Pontevedra.

Contos e lendas fan constante referencia ás pontes que debido ás súas particularidades foron atesourando unha rica mostra da nosa literatura oral. Contos de tesouros agochados baixo a ponte do Batán na parroquia de Salcedo, lendas de pontes construídas polo demo nunha soa noite, pontes feitas polos mouros, pontes que teñen encantamentos, pontes que gardan historias de heroicas batallas como a Ponte Bolera ou a Ponte Sampaio... e xa se sabe que ó inimigo que foxe, ponte de prata. As pontes, sobre todo as que cruzaban ríos, tamén foron lugar de xogo de nenos e mozos. Así fica na memoria dos pontevedreses que antano foron nenos a antiga ponte do ferrocarril que cruzaba a ría de Pontevedra alí onde esta se bica co Lérez, ponte que foi improvisado trampolín de mozos que facían gala da súa valentía lanzándose ó río dende o alto da vella estrutura de ferro. Non faltaba quen se atrevía a facelo dende a ponte da Barca e o mesmo se facía na ponte do tren que une Monteporreiro e Lérez. As pontes, as pontellas, os pontillóns, os pasos ou poldras, valedores da nosa cultura inmaterial pois de igual xeito que non hai pobo sen contos e lendas, non hai ponte sen río nin muíño sen rodicio.

Pontes e rituais: o bautismo prenatal As pontes non só formaron parte da nosa historia e das nosas lendas senón que tamén foron escenario e actores de vellos ritos e ancestrais crenzas. Quizais o rito galego máis famoso relacionado coas pontes e o seu carácetr simbólico sexa o coñecido como bautismo prenatal ou bautismo anticipado. Cando un matrimonio sufrira repetidos abortos, falecementos do bebé no parto ou mortes prematuras dos seus fillos recorría a este rito como remedio preventivo para evitar que a desgraza volvese repetirse. Para iso era necesario bautizar o neno antes de nacer, é dicir, cando aínda estaba no ventre da nai. O bautismo prenatal celebrábase en Pontevedra na Ponte do Burgo. Este rito bautismal executábase ás doce da noite e, preferiblemente, o último sábado de mes. Aínda que existen diferentes variantes, a ritualidade fundamental consistía na seguinte: levábase a muller embarazada a unha ponte baixo a que correse un río e na que houbese no seu centro un cruceiro ou, no seu defecto, nas inmediacións da ponte. A muller tiña que chegar ao lugar un pouco antes da media noite e ir acompañada de homes e mulleres da súa confianza que portaban unha cesta chea de comida e un garrafón de viño. Unha vez na ponte, colocábase a embarazada no centro dela e ao seu lado un fanal aceso. Os acompañantes sitúanse en ambas as dúas entradas da ponte co obxecto de impediren que pase ninguén antes da hora sinalada e que tampouco se coe ningún animal. Todo o procedemento debía facerse en completo silencio, utilizando para comunicarse unicamente xestos. Tan pronto chegaba o primeiro viandante era parado e facíaselle esperar ata as doce en punto, nese momento a persoa da comitiva que vixiaba a entrada da ponte pola que aparecera o camiñante rompía o silencio e dirixíase a el rogándolle que fixese o favor de bautizar a criatura no ventre da nai. Unha vez aceptada a encomenda, achegabánse a onde ficaba a embarazada e había que dicir: Hombre o mujer que vienes de fortuna, bautízame esta criatura

En resposta, o improvisado padriño —ou madriña— botaba sal sobre o seo da nai e auga bendita sobre o seu ventre preñado á vez que recitaba o seguinte ensalmo: Si é home Manuel se le pone,
si é muller Isabel.

Criatura te bautizo en el nombre del Padre, del Hijo y del Espíritu Santo. Amén. Os nomes citados no ensalmo son xenéricos e adoitaban cambiarse por aquel elixido pola nai. Outras veces, cando o bautismo se celebra sobre un río cuxas augas se mesturan coas do mar, prescindíase do sal e da auga bendita e bautizabáse o ventre da nai con auga do río. Unha vez rematada a cerimonia, a muller cambiábase de roupa e antes de regresar á casa procedían todos xuntos a dar conta das viandas e do viño. O que sobrase do ritual banquete debía arroxarse ás augas do río.