As Pontes de Pontevedra

Corazón de ponte

As pontes son unha maneira de darnos a man. De compartir xuntos os camiños e os proxectos que fomos labrando a través do tempo, grazas á vontade dos homes e as mulleres, á enerxía transformadora da sociedade e ao inxenio dos que as constrúen ou dispoñen. Desde as familias que poñen unhas lousas para salvar un río que separa as terras de labor, ata as sofisticadas estruturas colgantes ou metálicas que hoxe engalanan os nosos ríos, en Pontevedra hai unha manchea de pontes que forman parte do máis profundo do noso ser, enriquecen o territorio, e explican unha historia que sen as pontes sería imposíbel.

Ao realizar a exposición “De ponte en ponte” e esta publicación, quixemos homenaxear a Pontevedra de dúas maneiras. A primeira, divulgando e poñendo en valor a riqueza patrimonial que traen consigo estes elementos da paisaxe. As grandes e as pequenas; as fotoxénicas e as rudimentarias; as actuais e as desaparecidas, as agochadas baixo algunha rúa, as que fóron transformándose a través do tempo…

A segunda, rendir un cálido aplauso colectivo á nosa orixe como cidade, así como ao nome e aos principais iconos, tanto heráldicos como contemporáneos, da nosa vila e municipio. Nacimos acarón dunha ponte e sempre vivimos como se ésta fose o corazón do noso corpo urbano.

Tamén quixemos aprofundar aínda máis no amor que debemos a Pontevedra. Coñecendo máis e mellor o noso territorio, o noso capital patrimonial, coidaremos máis desta xoia de pedra e auga, na que as pontes son como os lazos que entre todos anudamos para ser cada día mellores.

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde de Pontevedra