As Pontes de Pontevedra

Pontes e FFCC

En 1884, coa chegada da primeira locomotora procedente de Redondela, iníciase a nosa relación co ferrocarril. Esta liña conectábanos con Madrid. O seguinte paso foi enlazar con Santiago a través de Carril. A ponte sobre o Lérez case paralela á da Barca estivo en servizo entre 1899 e 1966, en que se inaugura a dos Salóns do Lérez, augas arriba.

A da Barca tiña dous estribos de cachotaría nas marxes e dúas grandes pilas metálicas cilíndricas en plena canle do río para dar maior estabilidade. Foron 67 anos de historia. A ponte foi desmontada, pero as pilas metálicas nunca foron retiradas. Hoxe son un lexendario vestixio.

Nos anos 60, coa eliminación do tren do casco urbano, abre a nova ponte, entre Lérez e A Seca, un alto viaducto de tres arcos oxivais moi esbeltos que hoxe ve nacer o seu fillo, a terceira ponte do tren sobre o Lérez.

Ponte Sampaio

Sobre o río Verdugo, a escasa distancia da ponte histórica, podemos observar esta mostra característica da enxeñería de pontes ferroviarias con cen anos de diferenza (finais do s XIX e principios do XXI). Trátase dunha ponte metálica de dous tramos cun piar central de fábrica e estrutura en celosía que foi magínficamente versioneada co novo trazado do Eixo Atlántico, en construción.