As Pontes de Pontevedra

O Camiño

Rafael Quintía

A Vía Romana XIX converteríase no Camiño Portugués, a ruta natural costeira de unión entre Portugal e Galiza. Distintos autores destacaron a importancia do Camiño no devir da historia de Pontevedra, por conformar, grazas á súa situación, o eixo de comunicacións do noroeste peninsular.

O Camiño fai a súa entrada no termo municipal pola ponte histórica de Pontesampaio. Na mesma parroquia, tras cruzar a ponte que foi reposta sobre o Ulló, a peregrinación prosegue pola Vrea Vella da Canicouva, un antigo camiño empedrado. Continúa ata Santa Marta de Ganderón, logo de deixar atrás distintos lugares do veciño concello de Vilaboa. O seguinte paso é introducirse na estrada de San Andrés de Figueirido a Pontevedra, por onde se cruzan os lugares de Pobo, Tomeza, Ponte Condesa e Ponte do Couto, atravesando Marcón e aproximándose xa á cidade do Lérez, na que se entra a través do Gorgullón, logo de deixar atrás Otero Perdayo, rúa na que se ubica o Albergue de Peregrinos. Seguindo as rúas Virxe do Camiño e Peregrina, chégase ao Santuario da Peregrina, parada obrigada para os camiñantes. Construído no século XVIII, a súa maior peculiaridade reside na súa planta, en forma de cuncha de vieira.

A ruta continúa pola praza da Ferraría e as rúas Soportais, Real, García de la Riega, da Ponte, praza García Escudero para abandonar finalmente o casco antigo da cidade a través da emblemática Ponte do Burgo. A cidade queda atrás logo de pasar polas rúas da Santiña e a Gándara. O Camiño avanza paralelo á vía do ferrocarril, pasando por Ponte Cabras ata chegar a Santa María de Alba. Dende alí continúa ata Goxilde, atravesa a capela de San Caetano, os bosques de Reiriz e Lombo da Maceira para chegar á capela de San Mauro. E nese punto remata xa a incursión xacobea nas terras de Pontevedra, que seguirá por Barro.

Celestino Lores

Cando no reinado de Afonso II de Asturias descóbrese o túmulo do apóstolo Santiago, a rede de camiños no Norte da Península reducíase a algúns itinerarios que seguían en gran parte as calzadas romanas. O tráfico rodado era practicamente inexistente, aínda que a introdución da ferradura no mundo occidental durante o século IX favoreceu o transporte de persoas e mercancías. A peregrinación a Santiago converteu a esta cidade no centro dunha malla radial de itinerarios camiñeiros que conducía aos peregrinos desde Asturias, León, Portugal, Castela e os portos de mar ate Compostela.

A finais do século XI o Camiño de Santiago era una gran arteria pola que circulaban multitude de peregrinos de tódalas partes do mundo, a súa importancia impulsou numerosas iniciativas para o seu equipamento, como a construción de pontes de nova planta ou a reconstrución de outros sobre antigas fábricas de pedra romanas.

Mentres os percorridos se realizaron polos planaltos ou polas marxes dos vales fluviais, as pontes no foron necesarias porque os camiños evitaban o cruzamento innecesario dos ríos O intenso tráfico de peregrinos a pé ou a cabalo impulsou a construción de pontes e a mellora das calzadas. A tradición cóntanos cómo tres construtores de pontes, Santo Domingo da Calzada, San Xoán de Ortega e San Pedro Telmo a quen se atribúe a construción, entre outras, da ponte da Ramallosa, dedicaron a súa vida para que o Camiño estivera en boas condicións. Podíamos dicir, utilizando unha terminoloxía actual, que no Camiño de Santiago a ponte é un "equipamento", como os hospitais, ermidas, igrexas e hospedarías que se ían localizando a longo da súa traza.

As pontes do Camiño de Santiago, coas súas formas puras, ascéticas e sen ningún alarde decorativo, reconcíliannos coa múltiple dimensión metafórica da ponte, que se perdeu no noso tempo, que nalgúns casos perdeu ate o río. As antigas pontes permítennos recuperar sobre elas a contemplación da paisaxe que conforman.

A ponte antiga, o camiño, as construcións que se asentan nas beiras do camiño forman unha paisaxe que se foi conformando ao longo dos anos. En Galicia son numerosas as poboacións cuxo nome empeza pola palabra Ponte (Pontesampaio, Pontevedra, Pontecesures, etc.).

A ponte sucede case sempre ao paso dunha barca anterior e o lugar elixido para a ubicación da mesma, estivo condicionado pola rede viaria. A ponte é unha obra útil, e foi esa utilidade a que fixo que determinadas pontes históricas foran destruídas polo seu valor estratéxico, reconstruídas ou ensanchadas en función das novas necesidades do transporte ou abandonadas pola construción doutras mais modernas.

A vía romana XIX do Itinerario Antonino, que une Tude (Tui) e Iria, logo Santiago o denominado Camiño Portugués, estendese ao longo da depresión meridiana cruzando os ríos Verdugo, Lérez, Umia e Ulla. Este trazado non conserva pontes romanas de fábrica, nembargante polos achados históricos, fundamentalmente miliarios, que sinalaban esta vía, sabemos que sobre ditos ríos tivo que existir un paso seguro e permanente dende a época romana. Con excepción do paso do Miño entre Valença e Tui, onde o paso se realizou sempre en barca ata a construción da ponte metálica actual a finais do século XIX, as outras pontes desapareceron e foron cambiadas por outras medievais que hoxe coñecemos, sufrindo algunhas delas unha reconstrución total en séculos posteriores como é o caso da ponte de O Burgo en Pontevedra ou a ponte de Caldas de Reis sobre o Umia.