As Pontes de Pontevedra

O Burgo

É a estrutura que simboliza a orixe da cidade, o seu símbolo e emblema heráldico. A súa cabeceira sur é o auténtico quilómetro cero da historia de Pontevedra, sempre en relación cunha ponte: primeiro aquela romana da que se presupón a súa existencia, entre outras cuestións pola toponimia e a presenza de miliarios, pero da que non quedan vestixios; e logo a medieval, enmascarada na actual ponte.

A localización exacta desa primeira ponte romana non se pode determinar, pero estímase que estaría situada augas arriba da ponte actual e a unha cota inferior, xa que na época romana o leito do río era moito menos ancho. Sábese que o nivel da auga foi medrando e que a ría se foi reenchendo por aportes aluviais, de aí que a mediados do século XII, se levantase outra ponte máis longa, a medieval, probablemente noutro emprazamento distinto, non enriba da construción romana. Estas dúas pontes serviron para salvar o Lérez no eixo de comunicacións da Depresión Meridiana. A moderna veu a substituír á vella e derruída construción romana, pero un documento medieval fai pensar que ambas pontes puideron convivir algún tempo xuntas.

Século XV

Levantouse un dique portuario adherido á ponte, posiblemente relacionado coa ampliación do recintoamurallado.

Século XVI

Construíuse o edificio do cárcere anexo. A torre foi derrubada e reconstruída nunha posición más avanzada sobre o río.

Século XVII

Presuntamente Mateo López levou a cabo a primeira gran obra de mellora e ensanche documentada. A riada orixinada en 1658 fixo necesario o derribo do peitoril para que as augas puidesen circular sobre a ponte. Houbo que proceder a traballos de reparación por mor dos danos ocasionados, os cales consistiron fundamentalmente en renovar as lousas do pavimento, reparar o casteliño e substituír os recheos da ponte por cachotaría.

Século XVIII

A invasión inglesa de 1719 provocou a destrución da torre, o cárcere e o casteliño. O cárcere e a torre foron reconstruídos. As obras de ensanche da ponte entre os séculos XVIII e principios do XIX, dirixidas por Pedro de Acuña, significaron a súa ampliación augas arriba en algo máis de 2 metros. Isto supuxo o derribo do casteliño e da torre, esta última substituída por un portón cadrado adintelado.

Século XIX

O cárcere trasladouse ao Campo de San Xosé. Levantouse un dique con peitoril dende a ponte ata a embocadura da actual rúa César Boente, posteriormente erixiuse outro entre a ponte e a Caeira. En 1890, mudáronse os peitorís de pedra por unha varanda de ferro sobre beiril con modillóns. Retirouse un cruceiro de pedra situado no centro da ponte que actualmente se atopa colocado na praza Alonso de Fonseca.

Século XX

Produciuse a demolición dos restos do antigo edificio do cárcere. O empedrado substituíu á lousa na calzada. Construíuse o peirao de ribeira da marxe esquerda do Lérez, que enterrou o arco 12, deixando á ponte só con 11.

As máis importantes obras de consolidación, reforma e ensanche foron as executadas entre 1953 e 1954, que lle deron á ponte o seu aspecto actual. Dirixidas polo enxeñeiro Juan Llansó y de Viñals, esta gran reforma mudou profundamente a súa estética estrutural. Durante 15 meses, reforzáronse as cimentacións, saneáronse as fábricas, a ampliación foi considerable e dotárona de iluminación e mellores accesos.

Os primeiros traballos que se levaron a cabo foron os de consolidación, que remataron a finais de 1953. Fíxose preciso desmontar parte da superestrutura da ponte, consolidando a base da cimentación a través de inxeccións de cemento, que tamén foron empregadas para reencher os ocos na fábrica de pilas e estribos. Reformáronse as pilas, construíronse vigas transversais de formigón emprazadas nas pilas e estribos e reforzáronse as antigas bóvedas.

Logo comezou o proceso de ensanche. Fixouse unha anchura de calzada de 8 metros e beirarrúas de 1,60 metros cada unha. Polo que se fixo unha gran ampliación, xa que anteriormente o ancho da calzada era de 4,30 metros e as beirarrúas unicamente de 1 metro. O pavimento foi revestido por un firme de aglomerado asfáltico sobre cimento de formigón.

Os arcos, orixinariamente de medio punto, tiñan distintas luces e algúns estaban un pouco desfigurados. Procedeuse a anchealos e rebaixalos. Baixo as beirarrúas dispuxéronse canalizacións para aloxar o tendido eléctrico do alumeado da ponte e outros servizos. Tamén houbo que colocar os postes de sustentación da liña aérea dos troles. Nos tímpanos das bóvedas instaláronse uns elementos decorativos moi significativos: uns relevos representando cunchas de vieira; posto que a ponte forma parte do camiño de peregrinación a Santiago.

Como a rasante da ponte tivo que elevarse en 50 centímetros, acondicionáronse os accesos á mesma, pavimentándoos con tacos de granito sobre base de formigón. Os accesos emprazáronse entre pequenos muros revestidos de perpiaño. En total, a lonxitude da ponte acadou os 140 metros. O 14 de setembro de 1954 a ponte abriuse ao tráfico, malia que quedaran pendentes algunhas labores como rematar os tallamares en punta de diamante.

A pesar de que as sucesivas reformas realizadas ao longo dos séculos transformaron considerablemente o seu aspecto exterior e xa non existen elementos nela que nos permitan enxergar o que un día foi, o seu significado segue e seguirá sempre vixente posto que a historia de Pontevedra é a historia desta ponte, van indisolublemente unidas, é a súa razón última de ser.