As Pontes de Pontevedra

Enxeneiradas

As pontes poden clasificarse atendendo a múltiples criterios, pero centrarémonos no tipo de estruturas, xa que estas constitúen un dos puntos de maior relevancia para a enxenaría, malia que resulta complicado establecer unha clasificación de xeito rigoroso.


Colgantes

Estruturas protagonizadas polos cables, sostidas por un arco invertido formado por cables de aceiro do que se suspende o taboleiro mediante tirantes verticais, que conectan con eses cables. O soporte físico está provisto por dúas torres de sustentación, onde se ancoran os cables principais, que están ancorados en cada extremo da ponte, transmitindo así unha parte importante das cargas que ten que soportar a estrutura. Permiten salvar grandes luces (luz: distancia entre apoios) e son moi flexibles, polo que pode soportar condicións climatolóxicas adversas e ata terremotos, mais pode resultar inestable en condicións extremadamente tumultuosas.

Atirantadas

Componse de tirantes, taboleiro e torres de sustentación. Os tirantes son cables que funcionan como tensores para o resto da estrutura, proporciónanlle ao taboleiro unha serie de apoios intermedios semirríxidos. Os cables soportan case todas as cargas da ponte. Ademais ao ser inclinados, introducen forzas horizontais que se deben equilibrar a través do taboleiro. En canto ás torres, estas elevan a ancoraxe fixa dos tirantes, de xeito que introducen forzas verticais no taboleiro para crear os pseudo-apoios. Hoxe son as máis frecuentes. Poden ter dúas torres ou só unha e de diversas formas; moitos tirantes moi próximos ou poucos moi separados; as torres poden iniciarse nos cimentos ou a partir do taboleiro, etcétera.

En arco

Xa os antigos romanos erixían estruturas con múltiples arcos para construíren pontes e acuedutos. Eran auténticos mestres na construción de pontes de pedra; algunhas seguen manténdose en pé. É unha ponte con apoios aos extremos. Unha estrutura con forma de arco mediante a que se transmiten as cargas, e un taboleiro. Entre eles dispóñense os piares que transfiren a carga do taboleiro ao arco e deste á cimentación. Non precisa de sopor tes ou cables adicionais, posto que a súa resistencia vén da súa forma estrutural. Pode construírse de diversos materiais coma o aceiro, o formigón armado ou pretensado e tamén de madeira ou pedra. Polo xeral, a forma do arco non permite que por él transcorra directamente o tráfico rodado ou peonil, polo que é preciso o taboleiro. Este pode estar colocado na parte superior do arco, no medio ou na par te inferior. Nas pontes de taboleiro superior, o arco está por debaixo do taboleiro (A Barca). Se a posición do taboleiro é intermedia quere dicir que se atopa a media altura, quedando en parte apoiado e colgado na parte central (As Correntes). E se o taboleiro se dispón baixo o arco (taboleiro inferior), o apoio deste sobre o primeiro faise mediante tirantes (pasarela da Illa), por iso se coñecen como de arco atirantado.

Viga

É a máis elemental. Pezas rectas horizontais, apoiadas nos dous ou máis puntos que resisten as cargas. Estribos ou pilas soportan o taboleiro. Poden ser de madeira, aceiro ou formigón e adoitan empregarse para distancias curtas e intermedias, xa que necesitan sopor tes adicionais. Un exemplo típico son as pasarelas peonís que salvan as autoestradas. Existen diferentes perfís de vigas. As “caixón” son as máis habituais, con forma de artesa, e adoitan empregarse para a construción de pontes elevadas para transporte lixeiro sobre raíl. Son idóneas para a construción de pontes curvas e para abarcar maiores distancias.

Lousas

Hai pontes con taboleiros formados por vigas e lousas. Pero outras son só de por lousas, que poden executarse “in situ” ou seren prefabricadas, pero non descansan sobre vigas. As lousas macizas son para pontes pequenas, dun tramo ou varios continuos, para obstáculos de lonxitude curta ou media. Son estruturas moi sinxelas, formadas por unha lousa apoiada sobre os estribos nunha soa luz, ou entre estribos e pilas para pontes de varias luces, se ben gran parte da súa resistencia serve para soportar o seu propio peso. As lousas alixeiradas constrúense “in situ” e presentan maior flexibilidade para trazados en planta oblicuos ou curvos. Permiten que as lousas se sustenten sobre un único punto de apoio, e o tamaño das pilas e a súa colocación é moito menos esixente que no caso de taboleiros formados por vigas prefabricadas. A súa construción está menos industrializada que a de vigas prefabricadas, o que xeralmente ocasiona pontes máis pesadas que as de vigas. Non obstante, a súa resistencia vese incrementada grazas ao uso de taboleiros continuos.

De celosía

Son celosías as vigas que forman unha armazón enreixada a modo de “viga composta”. A celosía é a tipoloxía estrutural propia dos elementos lineais. É unha estrutura reticular de barras rectas interconectadas en nós formando triángulos planos (celosías planas) ou pirámides tridimensionais (celosías espaciais). O xeito no que se enlazan entre si, dota á estrutura dunha resistencia capaz de salvar grandes distancias. A primeira manifestación da celosía en pontes foi nas de madeira, cos deseños de Andrea Palladio (s XVI). O aceiro e o ferrocarril, trouxeron pontes rectas e arcos de gran luz, como as do tren de Ponte Sampaio.