As Pontes de Pontevedra

Da vía XIX ao TAV

Luis Bará Torres

Ao longo da historia, a xeografía, a xeopolítica e a economía condicionaron a organización do territorio e as comunicacións. Na zona occidental da Galiza, o conxunto de depresións encadeadas ao longo de 150 km entre Carballo e Tui (depresión meridiana) determinou a articulación da rede viaria ao longo de milleiros de anos. Neste territorio, a primera estrada de alta capacidade construírona os romanos fai 2.000 anos: é a vía XIX que comunicaba Brácara con Lucus pasando por Tui, Turoqua, Caldas e Iria. Desta necesidade de comunicar o Norte e o Sur da Gallaecia, desta vontade de control militar e económico do territorio polos romanos naceu o primeiro núcleo urbano de Pontevedra (Turoqua?) e a veterana ponte que lle daría nome á cidade.

A vía XIX discorre polo corredor natural da depresión meridiana e nas súas beiras encontramos numerosos castros (A Peneda do Viso, O Vilar en Ponte Sampaio, Coto Loureiro en Figueirido, San Cibrán en Tomeza, As Croas en Salcedo), algún deles anterior á propia romanización: un indicio da existencia de camiños antigos e formas de poboamento que os romanos ampliaron e melloraron.

Coñecemos o trazado da vía no concello de Pontevedra, entre Ponte Sampaio e Cerponzóns, polos rexistros arqueolóxicos e a aparición de numerosos miliarios: na desembocadura do río da Ponte Nova ou Ulló en Ponte Sampaio, Paredes (Vilaboa), Salcedo, A Ponte do Couto, A Ponte do Burgo, Alba, Cerponzóns. A vella calzada na Gándara (Lérez), desgrazadamente soterrada, é outra mostra fiábel da traza do camiño.

A partir do século IV, coa desaparición do imperio romano, a antiga vía caiu no abandono e máis tarde, nos comezos da Idade Media, o camiño medieval desde Portugal a Compostela pola costa desprázase cara ao interior, en paralelo á vía XIX, pola Canicouva e Tomeza, para evitar os perigos da franxa costeira e os vados das zonas inundábeis.

Cando a finais do século XVIII o arcebispo Sebastián Malvar, natural de Salcedo, promove o grandioso proxecto do Camiño e Real Plantío desde Ponte Valga até Ponte Sampaio, os enxeñeiros que deseñan a vía recuperan en grande medida a traza da estrada romana o longo da depresión meridiana: é por iso que nesta época se produce o achado de tres miliarios en Paredes (Vilaboa) e un cuarto na desembocadura do río Ulló en Ponte Sampaio.

Unha nova infraestrutura, a construción da vía do tren entre Redondela e Pontevedra a finais do século XIX propicia un novo descubrimento relacionado coa vía romana, o miliario de Adriano aparecido nas inmediacións da Ponte do Couto.

Xa nos comezos do século XXI, a traza da vía XIX volve rexurdir en Salcedo (perto do lugar da Carballeira) por mor das obras do tren de alta velocidade (TAV): os dous miliarios que apareceron neste lugar, un deles xemelgo do descuberto un século antes na Ponte do Couto, poñen ao descuberto o aproveitamento da orografía da depresión meridiana para o trazado das infraestruturas de comunicación ao longo de 2.000 anos, da vía romana XIX ao TAV.