As Pontes de Pontevedra

As pontes do Gafos

Gonzalo Sancho

Asociación Vaipolorío

Tendo o río Gafos as nacentes no veciño Concello de Vilaboa, na proporción que recibe as augas tributarias vai aumentando o seu caudal. Deste mesmo xeito as pontes ou pasadoiros do río van crecendo en tamaño e interese arquitectónico, río abaixo.

Se entendemos por pontella aquela construcción que cruza un río ou regato, dando paso unicamente a persoas, pontillón é o aumentativo de pontella, e permite a pasaxe de animais de carga e carros e, loxicamente, tamén as persoas. As pontes xa son construcións que permiten a pasaxe dos anteriores, ademais de vehículos de tracción mecánica. Todas estas construcións teñen, nuns casos, relevancia arquitectónica na súa construción e, noutros, interese patrimonial e histórico-arqueolóxico.

Pontella do muíño do Toxal (Vilaboa): Construción de pedra dunha soa peza de algo máis de tres metros, con estribos ben asentados.

Pontillón de Ansuíña (Vilaboa): Tres pedras de dous metros e pico de longo e xuntas entre si; permitiron secularmente a pasaxe dos carros.

Ponte Rebón (Casal do Río): Ponte de grandes lousas de pedra pola que pasan os tractores. Destacan os peitorís coa aresta matada nos dous bordos, que deben ter un sentido máis ornamental que práctico. Dous piares con esporóns triangulares rompen a forza da auga por tres vans. Malia os piares e os estribos estaren feitos con simetría, o taboleiro da ponte está intencionadamente ladeado para permitir xirar aos carros.

Ponte da Condesa (Tomeza-Salcedo): Algo máis longa que a ponte Rebón, con idénticos peitorís. Soporta tráfico pesado. A ponte salva o río, erguéndose sobre tres piares compostos de seis bloques de pedra cada un. Os piares, de perfil arredondado (ou de extremos arredondados), sobresaen baixo o taboleiro da ponte, facendo, asemade, o labor de tallamares. Os bloques de pedra (ou perpiaños) da parte superior presentan unha entalla na que encaixan as trabes do taboleiro. (Informante: Calros Solla Varela – Etnógrafo)

Ponte Valentín (Tomeza): Trátase dunha das pontes singulares do río por diversos motivos. Podemos describila como unha ponte dun só ollo definido por un arco escarzano. Aproximándonos á súa técnica construtiva a través dunha análise visual, observamos que, como é obvio, primeiro se construíu o arco de boa fábrica, presentando doelas de boa cantería. Sobre este montouse o pasal, tamén de boa fábrica, aínda que máis descoidado no seu remate.

A construción da ponte realizouse desde os laterais; dedúcese isto a partir das doelas, xa que as centrais se axustan ao espazo existente, non presentando a mesma medida que o resto das pezas do arco, e tampouco existe unha clave central. Polo seu tipo de aparello, podemos aventurar unha cronoloxía moderna para ponte Valentín: falamos dunha ponte construída entre os século XVII e XVIII.

Ademais das súas características construtivas, que achegan singularidade á ponte nun tramo do río onde prevalecen as pontellas ou os pasais, outro elemento que subliña esta singularidade é a existencia dunha porta asociada. De que nos pode falar a dita porta? Pois, a falla de documentación escrita que así o recolla, unha porta asociada a unha ponte pode indicar a existencia dun punto de pagamento para a pasaxe da ponte, un portádego, algo moi común na Idade Media, e que pervive na Idade Moderna. Este pagamento podería estar vinculado á pasaxe para algún dos moitos muíños que existen na zona, ou sinxelamente á pasaxe por esta zona do río. A porta tamén pode indicarnos que un espazo común se privatizou nun momento determinado, dando acceso a unha propiedade privada. (Informante: Rafael María Rodríguez Martínez,arqueólogo)

Ponte do Couto (rúa Otero Pedrayo): Ponte de notable interese histórico e arquitectónico. Fachada de cantería. Dous arcos de medio punto cos seus esporóns ou tallamares que dan paso ás augas do río Gafos por cadanseu van de baixa luz. Consérvase en mal estado. Permite a pasaxe de persoas, pero asentouse nas proximidades un campamento xitano, que non invita ao acceso. No seu enclave apareceu a finais do século XIX una columna adicada a Máximo e Maximino, dous emperadores tardorromanos que promoveron melloras e reformas do trazado da vía XIX, o que pode ser indicador de que esta ponte sexa romana. Vaipolorío solicitou ás administracións a recuperación da zona da ponte, mediante o levantamento topográfico e a escavación, incluíndo a recolocación da comunidade errante alí asentada.