As Pontes de Pontevedra

A Palabra

Proxectada polo enxeñeiro José Gosende Tuñas, e inaugurada en 2011, une Monte Porreiro con Lérez rompendo o aillamento desta urbanización. Foi ideada polo Concello e construída pola Deputación a cambio da cesión dun histórico edificio na Av. de Montero Ríos. Ten 170 m, está formada por unha estrutura mixta (metálica - formigón), apoiada en dous piares con forma de V, separados por unha distancia duns 110 metros para salvar o Lérez e minimizar o impacto ambiental. O taboleiro divídese en dous carrís para a circulación de vehículos, un carril bici, dúas beirarrúas e bandas para elementos funcionais, coma o alumeado ou varandas. Este nome da Ponte da Palabra foi unha iniciativa dos nenos e nenas da Escola de Monte Porreiro.