As Pontes de Pontevedra

A Barca

O paso entre Pontevedra e Poio facíase mediante unha barca, coñecida como a da Mercé, qie transportaba persoas e mercadorías, e era propiedade do Mosteiro de Bieitos de Poio.

A mediados do século XIX comezou a verse a necesidade de construír unha ponte permanente, mais isto non se conseguiu ata o ano 1870, cando se ergue unha ponte de madeira que remataría a súa vida útil no ano 1905.

A partires de 1887, e por mor da realización da estrada entre Pontevedra e O Grove, fíxose necesario construir unha ponte para cruzar o río Lérez. En 1893 aprobouse o proxecto redactado por Luis Acosta e Eduardo Fungairiño, ao ano seguinte foi poxada a obra. Foi o seu director o enxeñeiro Juan Trapote, e foi construída pola empresa Chávarri y cia.

A ponte contaba cun elegante arco de estrutura metálica, proxectos de 1896 e 1902, sustentado en dous apoios de moi boa cantería, á que se achega decoración neogótica. Foi inaugurada en 1905.

O arco central metálico, substituíuse por un de formigón no ano 1946, debido a o seu pésimo estado, con proxecto do enxeñeiro Eduardo Torroja Miret. Na década dos oitenta deste século, por mor da construción da AP9 e a ampliación da avenida do Uruguai-Corbaceiras, as tres arcadas laterais son substituídas polo actual arco. Xa nos noventa a Xunta fixo obras de reforma na ponte, instalando unha marquesiña e unha varanda cara a calzada, para protexer do tráfico a motor.