O Goberno Local en contra da subida do IBI imposta polo Goberno Central

20

O portavoz do Goberno, Raimundo González aseverou esta mañá que o Goberno Local de Pontevedra está “radicalmente en contra da subida do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que o Goberno central obriga a facer a todos os concellos de España”. Lembrou que a política fiscal que persegue Concello vai na dirección contraria á que segue o Goberno central. Pontevedra aposta por perseguir o fraude, pola equidade e a igualdade entre os cidadáns, por iso está a asinar un convenio co Catastro para que lle autorice ao Concello a perseguir esa bolsa do 5% de obxectos tributarios pendentes de sumarse ao padrón do IBI. E facer que todos os pontevedreses sexan iguais ante a lei.

Raimundo González asegura que a medida que acaba de adoptar o Goberno central, que suporá un incremento do 10% nos recibos do IBI de todos os cidadáns de Pontevedra, é inxusta dado que se cargan as tintas sobre os contribuíntes modélicos, sen perseguir o fraude.

Tamén argumenta que é unha medida inxusta porque está a tratar a todos os concellos de igual modo, cando hai concellos, como Pontevedra, que xa teñen feitos os seus deberes en materia económica e fiscal.

Raimundo González sostén que este incremento do IBI esixido polo Goberno central aos concellos pretende acalar as peticións de gobernos do mesmo signo político do Goberno central de prorratear en dez anos as devolucións das liquidacións negativas das transferencias do Estado dos últimos anos. O Concello de Pontevedra que se atopa nunha situación financieira e económica moi boa, pode facer fronte a esa devolución en tempo e forma, sen ter que subirlle os impostos aos cidadáns, sen ter que subirlles o IBI aos cidadáns.

O Goberno local de Pontevedra recorda que as administracións locais teñen autonomía económica para elaborar os seus orzamentos e xestionar os seus tributos en función das súas necesidades, sen necesidade de que sexan impostas como agora.