Pontevédrate...

O Pazo de Mugartegui é unha propiedade do Concello de Pontevedra cedido como sede da Denominación de Orixe Rías Baixas

Medidas de racionalización do gasto: paralización da nova canceira, reforma do actual refuxo de animais e reforma da Casa Consistorial.

O Goberno Local continúa dando forma ao acordo plenario de racionalización e contención do gasto público aprobando a paralización do proxecto da nova canceira que será substituído pola reforma das actuais instalacións do refuxo de animais, e a rehabilitación esencial da Casa Consistorial. O investimento previsto pasará de 4 millóns de euros a 1 millón de euros, tres millóns que aforran as arcas municipais seguindo as liñas de contención do gasto propostas polo Goberno Local no pleno do mes de xullo de 2011.

A construción do novo refuxo de animais na parroquia de Cerponzóns ten un custe de 1.013.000 euros. O voceiro do Goberno Local, Raimundo González, mantén contactos coa empresa  Hidroscivil, adxudicataria da obra, que xa executou traballos por valor duns 70.000 euros, para rescindir o contrato e pagar as obras realizadas ata o de agora.

Cabe lembrar que de realizar a nova canceira en Cerponzóns, tamén sería preciso facer traballos de acondicionamento do terreo do actual refuxo de animais, para acondicionalo para outros cometidos. Sería unha reforma valorada nuns 500.000 euros que tamén se aforran con esta decisión.

O Goberno Local acordou reformar as actuais instalacións da canceira, situada no Vao, para ofrecer unhas dependencias modernas e axeitadas ás necesidades da poboación animal: limpeza, pintado, construción de novos canís, dotación de servizos… que permitirán dignificar as instalacións.

O investimento destas obras estaría arredor dos 300.000 euros, segundo as valoracións realizadas polos servizos técnicos municipais. Polo que o Concello podería aforrar máis de 600.000 euros.

O terceiro punto deste acordo gubernamental é paralizar a reforma integral da Casa Consistorial, que estaba valorada nuns 2,5 millóns euros, seguno o orzamento que barallan os servizos técnicos municipais. O voceiro do Goberno Local asegurou que o Goberno está disposto a reformar a Casa do Concello, dado que se atopa en estado practicamente ruinoso, pero esta reforma será substancialmente distinta a plantexada orixinariamente.

Proponse reparar carpintería, tellado, mellorar a accesibilidade do edificio…, en definitiva, unha reforma que suporía un custe duns 700.000 euros según as valoracións dos servizos técnicos. Ademais, tería un dobre uso: representativo na parte superior do edificio, e de oficinas para albergar servizos municipais na planta baixa.

Con esta decisión sobre uso da Casa Consistorial permite pór fin ao aluguer dunha planta que o Concello ten nun edificio da rúa Arcebispo Malvar, onde se atopan servizos como Cultura ou Normalización Lingüística, que pasarían a outras dependencias municipais. Con esta decisión o Goberno Local logra un aforro de 40.000 euros ao ano.

Estas operacións permitirían ao Concello facer todas as reformas precisas adecentando e mellorando os espazos cun investimento dun millón de euros, aproximadamente. Deste xeito aforraríanse 3 millóns e estarían cubertas as necesidades das dúas instalacións municipais, ademais de reducir un dos dous alugueres que agora ten o Concello.

O voceiro do Goberno Local lembra que explicou que tanto a construción da canceira como a reforma integral do edificio do Concello podería facerse en época de bonanza, pero non na situación actual que nos obriga a conter o gasto de cara ao futuro.

 

21 de xullo de 2011

    O máis buscado
    Navegador

    O Concello

    Pontevédrate

    Áreas

    Pontevedra participa!

    E máis

    Hoxe é 19.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 16.09.2011 polo Concello de Pontevedra.