Pontevédrate...

O gran caserón dos Cruz e Montenegro, construído no SXV pero hoxe desvirtuado polas reformas que sufreu, viviu o almirante Casto Méndez Núñez, que da nome á praza

Acordo de Goberno 2011 - 2015

Analizados os resultados electorais, a situación económica do Concello, os programas electorais das dúas forzas políticas e avanzado na reorganización administrativa do Concello, os Grupos Municipais do PSdG-PSOE e do BNG tomaron as seguintes decisións:

Goberno de coalición

Concretar o compromiso de estabilidade do Goberno Local de Pontevedra mediante a formación dun Goberno de coalición para todo o mandato como fórmula que, nas circunstancias actuais de Pontevedra, mellor pode garantir a gobernabilidade e un Goberno forte, con impulso e capacidade de reacción e xestión.

As dúas forzas políticas reiteramos a nosa sensibilidade coa realidade social na que estamos a vivir e comprometémonos a levar a cabo dende a institución municipal unha política sensíbel e atenta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas; atenta aos requirimentos que xorden neste peculiar momento histórico e dotada da intelixencia e creatividade necesarias para darlles solución dentro das competencias municipais.

Principios do Goberno

Acordamos dotar ao Concello de Pontevedra dun Goberno único, solidario, proporcional en responsabilidades e recursos que terá como  principios básicos a austeridade na xestión e no gasto, a simplificación administrativa, a transparencia e o diálogo sempre dende a defensa do interese público, esforzándose na optimización dos recursos, coa máxima lealdade entre todos os membros do goberno, sexan da mesma ou de distinta opción política e cun programa básico común.

A Xunta de Goberno será o órgano de decisión e cohesión do goberno ao que asistirán tanto os concelleiros e as concelleiras de pleno dereito como todos os demais concelleiros con responsabilidades de goberno.

Economía e crise económica

A crise económica e as súas tremendas consecuencias de atonía económica e, sobre todo, alto desemprego, centrarán todos os esforzos do goberno de coalición de Pontevedra. As medidas máis importantes serán:

  1. Esforzo máximo do Concello como elemento dinamizador da economía e xerador de emprego a través do esforzo investidor e de todas as medidas que, dentro das súas posibilidades, poida acometer o Concello.
  2. Reaxuste e recorte -cando sexa necesario e posíbel- do gasto corrente e de persoal en aras a adaptar os gastos á situación económica e a aumentar a capacidade investidora do Concello.
  3. Manter o máis baixa posíbel a presión fiscal (taxas e impostos) cos reaxustes necesarios para asegurar a prestación  dos servizos pero sempre por debaixo do IPC, cando menos até superar a crise económica.
  4. Facer unha política de ingresos centrada na eliminación das bolsas de fraude que puideran existir e na mellora dos padróns, aumentando así a xustiza e equidade no esforzo fiscal.

Outros aspectos programáticos

Se a crise económica e a loita contra o paro é o eixe central do programa común, existen outros moitos elementos compartidos entre os que destacamos:

  1. Mellora da participación social tanto directamente como a través dos órganos que se acorde pór en marcha.
  2. Aposta pola afondar nas políticas sociais.
  3. Avance das infraestruturas de comunicación e servizos: rolda urbana, circunvalación, conexión desta coa rede periurbana, tren de proximidade, mellora da Estación de autobuses e da súa conexión viaria e coa estación de Renfe, remodelación do Nó de bombeiros, e as actuacións de subministro de auga do convenio con Aquanorte.
  4. Posicionamento sobre o Hospital Único en Montecelo.
  5. Avance no saneamento do territorio, especialmente nos ríos e na Ría, e impulso ao traslado de ENCE-ELNOSA.
  6. Impulsar o novo PXOM como elemento necesario para o desenvolvemento harmónico do concello, coa necesaria colaboración da Xunta.
  7. Impulsar políticas activas de emprego e todas as medidas axeitadas para combater o paro.
  8. Aposta decidida da cidade como destino turístico, congresual, feiral  e de todo tipo de eventos
  9. Estender os elementos de calidade urbana aos barrios periféricos e ás parroquias.
  10. Posta en valor dos nosos recursos patrimoniais e ambientais.
  11. Reforma e modernización da Administración Municipal
  12. Manter os servizos actuais, recortando só aqueles que poidan ser prestados por vías alternativas ou os que, sen ser competencia municipal, deixaron de ter financiamento da administración competente.

Recorte do gasto corrente

Cífrase en 1.500.425 €, sen que sufran promoción económica e a área social (Servizos Sociais e Benestar), que mesmo experimenta subas.

Esforzo investidor

As previsións para todo o mandato, período 2011-2015, cífrase entre 55 e 75 millóns de euros en función da evolución das variábeis económicas xerais. O esforzo será decrecente coa máxima intensidade neste ano 2011, no que se fixa como obxectivo alcanzar os 30 millóns de euros.

 

Goberno

  • Xunta de Goberno: 7 concelleiros/as do BNG e 2 concelleiros/as do PSdG-PSOE.
  • Alcaldía: BNG; Tenencia de Alcaldía: PSOE, aínda que haxa substitucións.
  • Concelleiros non electos: poderá exercer esta posibilidade cada un dos grupos coaligados.
  • Presidencia de Comisións: Dúas o PSdG-PSOE; catro o BNG.

 

Alcalde

Miguel Anxo Fernández Lores

 

Tenente de Alcalde

Antón Louro Goyanes

Tenente de Alcalde Suplente

Anxos Riveiro  Portela

 

Xunta de Goberno

  • Miguel Anxo Fernández Lores
  • Antón Louro Goyanes
  • Anxos Riveiro Portela
  • Cesaráreo Mosqueira Lorenzo
  • Raimundo González Carballo
  • Agustín Fernández González
  • Vicente García Legísima
  • Carme da Silva Méndez
  • Luís Bará Torres

 

Portavoz do Goberno

Raimundo González Carballo

Viceportavoz

Agustín Fernández González

 

 

Áreas de Goberno

Antón Louro Goyanes

  • Urbanismo: Modificacións do planeamento; planeamento de desenvolvemento, xestión urbanística.
  • Licenzas de obras, parcelación, actividade, e primeira ocupación.
  • Disciplina: disciplina urbanística e ambiental.
  • Vivenda: Actuacións en materia de Vivenda. ARI de Estribela.
  • Estacionamentos: Xestión dos estacionamentos en réxime de concesión.
  • Obras Urbanas: Proxectos de nova urbanización e reurbanización, agás no Centro Histórico e nos elementos catalogados.

Anxos Riveiro Portela

  • Cultura: Promoción e xestión da cultura. Vice-Presidencia do OO.AA. Pazo de Cultura.
  • Dinamización sociocultural.
  • Consumo: Fomento do consumo responsábel.
  • Zonas verdes e parques: Parques urbanos, xardíns, parques infantís.
  • Praias

César Mosqueira Lorenzo

  • Ordenación do territorio: Instrumentos de Ordenación do territorio Infraestruturas: infraestruturas de comunicación e servizos tanto propias como de outras administracións.
  • Novo PXOM: Xestión do novo PXOM en tramitación.

Raimundo González Carballo

  • Facenda: Orzamentos e gasto público, ingresos, autorización e disposición de gastos, ordenación de pagos.
  • Sostemento dos espazos públicos.
  • Servizos municipais: mellora e mantemento da iluminación, vías públicas municipais.
  • Montes e parques forestais.

Agustín Fernández González

  • Educación: Xestión das competencias municipais en Educación en todos os niveis obrigatorios e post-obrigatorios. Xestión de programas e actividades nos centros educativos.
  • Universidade
  • Deporte: Fomento, promoción, xestión e desenvolvemento da actividade física, práctica deportiva e instalacións deportivas. Presidencia do Instituto Municipal de Deportes.

Vicente García Legísima

  • Réxime Interior
  • Persoal
  • Patrimonio Municipal.

Carme da Silva Méndez

  • Protección cidadá: Policía. Bombeiros. Protección Civil. Ocupación de vía pública.
  • Ciclo da água: subministro de água potábel, sumidoiros e rede de águas residuais.
  • Residuos: recollida de residuos, limpeza viaria e RSU's.
  • Festas: programación e xestión de actividades lúdicas e festivas.

Luís Bará Torres

  • Mobilidade: transporte público e auto-taxis. Accesibilidade.
  • Patrimonio Histórico: Obras e actuacións no Centro Histórico e outros elementos catalogados. Patrimonio cultural e etnográfico.

Carlota Román García

  • Promoción Económica, Emprego e Turismo: Actividades de promoción económica de todos os sectores produtivos. Políticas de emprego. Promoción do Turismo. Presidencia da Empresa Municipal de Turismo. Xestión de Congresos e Feiras no Recinto Feiral en coordinación co organismo autónomo.
  • Comercio e Incentivación das actividades empresariais.
  • Mercados Municipais. Venda Ambulante. Matadoiro.

Carme Fouces Díaz

  • Servizos sociais: Servizos Sociais. Drogo-dependencias. Garderías.
  • Cemiterios

Lola Dopico Aneiros

  • Igualdade: Promoción da igualdade
  • Sociedade do coñecemento e novas tecnoloxías.

Demetrio Gómez Xunqueira

  • Normalización lingüística e cultural
  • Xuventude.

Pilar Comesaña Hermida

  • Sanidade: sanidade animal. Canceira e animais abandonados.

 

Servizos Territorializados

Luís Bará Torres: coordinador da área urbana

Raimundo González Carballo: coordinador da área rural

O responsábel de cada área xeográfica exercerá todas as competencias municipais dentro dese ámbito agás as de Deportes, Educación e Urbanismo, en coordinación cos concelleiro/a que teña delegada a competencia.Os coordinadores terán a función de tentar homoxeneizar criterios de actuación dos distintos delegados territoriais.

Asignación de Áreas xeográficas:

  1. Área Rural
  • Pilar Comesaña Hermida: parroquias de Lérez, Alba, Cerponzóns e Campañó.
  • Raimundo González Carballo: parroquias da Canicouba, Pontesampaio e Tomeza.
  • Demetrio Gómez Xunqueira: parroquias de Marcón, Verducido, Salcedo, Lourizán, Sta. Mª Xeve, Sto. André Xeve e Bora.
  • Luís Bará Torres: parroquia de Mourente.
  1. Área Urbana
  • Anxos Riveiro Portela: O Burgo, Centro Histórico e A Moureira.
  • Carme Fouces Díaz: San Xosé, Campolongo, Mollavao.
  • Luís Bará Torres: Resto da Área Urbana.
    O máis buscado
    Navegador

    O Concello

    Pontevédrate

    Áreas

    Pontevedra participa!

    E máis

    Hoxe é 22.08.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 27.06.2011 polo Concello de Pontevedra.