Seguenos en facebook
Seguenos en twitter

Pasominuto

Pasominuto é un guieiro para as persoas que dedican parte do seu tempo a camiñar co obxectivo de manterse activas e saudabeis. Os profesionais que se dedican a aconsellar unha vida activa ás persoas adultas, adoitan recomendarlles realizar percorridos en función do número de pasos, as distancias percorridas e o tempo que lles leva completalos.

Esta guía recolle 20 rotas urbanas e fluviais da cidade de Pontevedra e o seu contorno, que combinadas entre elas fan un total de 29 suxestións de percorridos entre os 390 pasos da rota máis curta (a do paseo central do Miradoiro de Monte Porreiro) os 17.100 da máis longa, a que vai desde a Ponte dos Tirantes ata Bora, un itinerario subdividido en tres rotas, con "estacións" na praia fluvial e a Estación de Bombeo do Lérez.

Todas as rotas, agás a que decorre entre as Estacións e Tomeza, da senda do río dos Gafos, son accesibles para personas que utilizan cadeira de rodas para moverse, xa que o Pasominuto pode considerarse un guieiro dos paseos máis frecuentados polos pontevedreses, independentemente das súas dificultades de mobilidade.

A iniciativa do Pasominuto xurdiu do entorno profesional de Carme Abeledo, que traballa nun centro de saúde con numerosas persoas que acostuman a camiñar para manterse activas.

O Pasominuto pode considerarse un "fillo" do metrominuto, o plano da mobilidade peonil da cidade, e sobre todo un chanzo máis no fomento do costume de camiñar, un dos sinais de identidade da Pontevedra de hoxe.