Seguenos en facebook
Seguenos en twitter

Por que o Premio

Entrevista con Nathalie Leclerc, presidenta de Intermodes

Pontevedra recibe o premio Intermodes, un galardón europeo que se concede ás mellores políticas de mobilidade. Nathalie Leclerc, unha das integrantes do xurado, explica os porqués da eleción.

"O modelo urbano de Pontevedra é o que recoñecemos co premio"

O premio Intermodes naceu en 2009 para recoñecer ás comunidades europeas "que se distinguen pola súa vontade política e o seu inxenio para mellorar a mobilidade". En 2013 este galardón irá a parar por primeira vez a unha cidade: Pontevedra. A directora executiva e cofundadora da empresa organizadora (colaboradora da Unión Europea), Nathalie Leclerc, explica os motivos deste recoñecemento internacional.

Para empezar, que tipo de proxectos premia o galardón Intermodes?
Os criterios principais son a intermodalidade, a orixinalidade das políticas de mobilidade, a facilidade de implantación, a sustentabilidade, o eco-comportamento, a conexión cos medios de transporte e a organización.

Elixiron para iso o Metrominuto, deseñado polo Concello, ao parecer o primeiro mapa pedestre de Europa. Por que?
O benestar dos peóns e das persoas con discapacidade é un paso importante cara a unha mellor mobilidade e esta é a primeira rede ecolóxica de mobilidade que se plantexa en Europa. Pontevedra foi a primeira cidade que pensou nela. É unha idea simple, á vez que intelixente, que debe servir de exemplo a toda Europa. Ademáis, permitirá aos planificadores repensar a cidade para os peóns. En Pontevedra a rede peonil intégrase coa rede de transporte existente, e contribúe dun xeito importante á intermodalidade.

O Concello entendeu o galardón como un recoñecemento ao modelo urbano de Pontevedra... É unha interpretación correcta?
Si. O modelo urbano desenvolvido por Pontevedra, que inclúe Metrominuto, é o que recoñecemos co premio. A intermodalidade, na que se inclúen os peóns, aparece entre as prioridades da cidade. A política de mobilidade sustentábel proposta por Pontevedra é o que Intermodes recoñece.

O Concello di que non enviou nengunha proposta. Como coñeceron "Metrominuto"?
O papel de Intermodes é garantir unha vixilancia sobre todo o que se fai en termos de intermodalidade. Ese control realízase por medio da participación en seminarios, a revisión de artigos, redes sociais, noticias das comunidades europeas en Internet... Así coñecimos Metrominuto. Non puidemos visitar Pontevedra, pero nos documentamos e informamos ampliamente antes de elixila como a mellor iniciativa.

Entre os anteriores galardonados atópanse o plan de mobilidade dos Xogos Olímpicos, e outras iniciativas nas que os beneficiarios se contan por millóns. Porén, este premio concédese a unha cidade de 80.000 habitantes. É algo casual, ou garda unha segunda mensaxe?
A nivel de intermodalidade non hai proxectos grandes ou pequenos. Existen iniciativas audaces, e Metrominuto é unha delas. É un concepto fácilmente extrapolable a cidades de 80.000 habitantes, que son máis frecuentes en Europa que as grandes aglomeracións urbanas. O enfoque de Pontevedra encaixa perfectamente dentro dos compromisos internacionais da UE para a redución de gases de efecto invernadero e da lexislación europea sobre a calidade do aire. Camiñar é o primeiro medio de transporte, polo que os peóns deben ter áreas especiais para que podan moverse de xeito confortábel e en condicións de calma e seguridade. Ademáis, camiñar é bo para a saúde e o medio ambiente. Un 83% de europeos aínda prefiren utilizar o seu propio coche para moverse, pero o 30% das viaxes na cidade cubren menos de 3 km, e o 50% menos de 5 km. Metrominuto é unha alternativa ás viaxes de distancias curtas, ademáis de ser máis ecolóxico, barato e sano.

Pensa que Pontevedra poderá beneficiarse deste premio, máis aló do recoñecemento internacional?
Os premios Intermodes xa concedidos tiveron un impacto significativo na comunidade gañadora, e neste caso, tendo en conta que as cidades dese tamaño son máis frecuentes na Europa que as moi grandes, entendemos que Metrominuto debe servir de referencia para as medianas cidades, incluso para as de pequeno tamaño.

Ten o premio algún tipo de compensación económica?
Lamentablemente non. Intermodes non recibe nengún tiepo de subsidio, polo que non pode permitirse o luxo de distribuir premios económicos. Porén, o galardón está apoiado por unha campaña de medios de comunicación na que destacará a cidade e a súa exemplar política de mobilidade na Europa.

Entrevista publicada por Diario de Pontevedra o 23 de decembro de 2012.