Seguenos en facebook
Seguenos en twitter

Con cariño e sensibilidade

Crer na forza interna que esta cidade é quen de xenerar foi a principal das enerxías invertidas na transformación de Pontevedra. Tratar con cariño e sensibilidade as súas rúas e prazas, o seu patrimonio arquitectónico e a súa riqueza natural foi o inicio desta transformación que os cidadáns soñamos e que os cidadáns impulsamos.

Guiados por un modelo gobal de cidade alternativa, fóronse tomando as decisións necesarias para situar ás persoas no centro da vida urbana, convencidos de que era o mellor xeito de acadar uns niveis de calidade óptimos para vivir nun ambiente harmónico e intersante.

Fóron nacendo así os diferentes plans que permitiron incrementar o espazo público para as persoas. Plans de infraestruturas, como a reforma integral do espazo público que mellorou beirarrúas, prazas, pavimentos, servizos e conducións soterradas...

E tamén plans culturais como a promoción do costume de camiñar e toda unha cultura viaria na que as persoas e a súa mobilidade máis simple e natural, están no centro da atención, postergando o automóbil aos usos imprescindíbeis.

O premio outorgado pola axencia europea Intermodes é toda unha honra para a Pontevedra contemporánea. Grazas pola vosa sensibilidade e as vosas atencións. Un auténtico estímulo para continuar traballando con humildade, abnegación e sentido común. Sabemos que outro mundo é posibel, polo que empezamos por facer posíbel unha cidade que vive coa sana e lexítima intención de mellorar.

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde de Pontevedra