Seguenos en facebook
Seguenos en twitter

A xestión da mobilidade

Menos en coche, máis a pé

Tras a peonalización, o espazo que antes ocupaban os coches, agora é utilizado polos peóns; xeneralizouse a accesibilidade universal para fomentar a integración e unha vida independente para as persoas con dificultades. O reforzo da zona central como núcleo da actividade comercial e administrativa evitou a construción de centros comerciais na periferia e con iso, milleiros de desprazamentos motorizados.

Un espazo público digno

A transformación de Pontevedra foi inspirada igualmente na “Cidade dos nenos” de Francesco Tonucci, co obxectivo de promover unha infancia máis sana e feliz, impulsos combinados coa xeneralización do “traffic calming” en todo o espazo urbano, para aumentar a seguridade e dignificar o espazo público. A obra “Calmar el tráfico”, de Alfonso Sanz, foi un dos principais guieiros da reforma.

Preferencia peonil

Ao limitar a presenza dos automóbiles na cidade, gañouse unha considerábel cantidade de espazo público, que puido ser dedicado a crear grandes itinerarios peonis, con amplas zonas de preferencia para os traslados a pé. Moverse sen motor -a pé ou en bici- en Pontevedra é moi doado, sano e seguro. Os coches xa non supoñen unha ameaza permanente, xa que as rúas están cheas de xente, redúxose o ancho das vías rodadas e xeneralizáronse os obstáculos físicos. Foi a primeira cidade en reducir a velocidade máxima a 30 km/h.

O peón, no centro da intermodalidade

O sistema intermodal de transporte de persoas baséase na prioridade dos traslados non motorizados. Existe unha grande franxa de estacionamento gratuíto nun extremo do nucleo central, con capacidade para mil automóbiles, que funciona como intercambiador coche-peón para os públicos que proceden de fóra da capital, e que deixan o seu coche a uns 10 minutos a pe da maioría dos centros de afluencia cidadán.

Nodo intermodal de autobús e ffcc

As estacións de autobuses e ferrocarril funcionan como un único nodo de comunicacións, e o transporte colectivo intercomarcal que penetra na cidade conta con paradas nos principais puntos dos seus percorridos. A conexión entre o centro da cidade e as estacións pode realizarse por vías convencionais ou polo parque fluvial do Río dos Gafos, un frondoso itinerario peonil. Case todas as liñas de autobuses que penetran na cidade, que dispoñen dunhas 50 paradas en todo o casco urbano, teñen de orixe e destino este centro de viaxeiros.

Estacionamento intelixente

Ademáis dos aparcadoiros intermodais sen custo, o sistema de estacionamento en superficie permite estadías gratuítas de 15 minutos nos horarios comerciais en toda a cidade, así como amplos horarios de abastecemento comercial nas zonas peonís. Todo o centro urbano está arrodeado de aparcadoiros soterrados de pago, con accesos doados desde a periferia. En total, 13.131 prazas. Este sistema de estacionamento permitiu unha apreciábel diminución do tráfico a motor no nucleo urbano. 13.131 lugares para aparcar 66% lugares libres de pago 34% lugares de pago Os estacionamentos intermodais disuasorios gratuítos abranguen máis de mil prazas para automóbiles particulares. Os principais están ubicados a escasos 10 minutos camiñando do centro urbano, no contorno do Pazo dos Deportes, o Estadio de fútbol, o Pazo da Cultura, o Recinto Feiral e o Campus Universitario.

Bicis seguras e integradas

A circulación das bicis é compatíbel co tráfico a motor en toda a cidade, polo que o sistema evita os carrís específicos para estes vehículos. Circulan sen incidencias polos espazos peonís e contan con áreas de aparcamento distribuidas por toda a cidade e ben sinalizadas.

A información axuda

A política de infraestruturas e organización complétase cunha política de comunicación persuasiva, tanto a través dos medios convencionais como cos esforzos directos, a comunicación electrónica, a infografía ou a creatividade. Neste sentido, o metrominuto foi o principal elemento publicitario do novo sistema de preferencia peonil da cidade, que tivo o obxectivo de desmitificar os tempos de desprazamentos a pe entre calquera punto da cidade.

Cultura viaria

Un completo sistema de educación viaria nos niveis básico e medio fornece á poboación escolarizada dunha familiarización intensiva coa mobilidade. Tamén se organizan sesións con persoas da terceira idade, mulleres embarazadas, deportistas e persoas que precisan reeducación.
Son frecuentes as visitas escolares ao Centro de Mobilidade da Policía Local

Camiño Escolar

Un sistema que sitúa axentes de mobilidade nos principais cruces da cidade en horas de afluencia escolar. Así, nenos e nenas van sos ao cole e perciben a cidade como un medio amábel, con escaso risco. Tamén van adquirindo os valores da mobilidade sostíbel.
Numerosos establecementos comerciais colaboran co Camiño Escolar. Os alumnos poden pedir axuda neles, en caso necesario.