Seguenos en facebook
Seguenos en twitter

Camiño escolar - Que fai o concello ?

En primeiro lugar, o Concello ofrece un escenario idóneo para pór en marcha este proxecto, como é unha cidade co tráfico a motor pacificado e con velocidade máxima de 30 km/h.

A Reforma Urbana realizada nos últimos anos en Pontevedra permítenos gozar dunha cidade co tráfico calmado, amplos espazos peonís, dignas beirarrúas, itinerarios seguros, mobiliario abundante e renovado, alumeado suficiente e eficiente...

Todo iso permitiu mellorar os índices de seguridade relacionados coa sinistralidade viaria, xa que desde 2005 non hai mortos na zona urbana.

Ademáis, aínda que aumentou o número de coches, agora hai menos accidentes (en 2000 había 42.000 vehículos, e 1.203 accidentes e 3 mortos en zona urbana, e en 2008 había 53.000 vehículos, 784 accidentes e 0 mortos na cidade) Agora, os accidentes son menos graves, xa que o 92% dos non precisa asistencia hospitalaria.

Está en vigor a norma que impide superar os 30 km/h en toda a cidade, unha iniciativa pioneira moi ben valorada por todas as institucións relacionadas coa Seguridade Viaria.

A cidade foi distinguida co Premio Nacional de Seguridade Viaria 2010 na modalidade de xestión da mobilidade, o premio máis importante do Estado nesta materia. O Premio Intermodes recollido en Bruxelas en 2013 valorou a nosa aposta pola mobilidade a pé e o congreso internacional Walk 21, celebrado en Múnich elexiu Pontevedra como modelo de fomento da mobilidade peonil, xunto co propio Múnic, Sydney e a cidade albanesa de Skodra.

Que beneficios obtén o Concello?

Este proxecto ten que servir para que Pontevedra teña unha cidadanía máis activa, participativa e comprometida coa súa cidade.

Facemos que Pontevedra sexa unha cidade máis agradábel para o desenvolvemento dos nosos fillos e fillas.

Adoptamos unha medida pioneira que tamén vai contribuír a mellorar a seguridade viaria.