Seguenos en facebook
Seguenos en twitter

Camiño escolar - Confiemos nos nenos e nenas

Pontevedra é unha cidade básicamente segura, polo que os nenos e nenas poderían circular sós case con normalidade, pero é necesario que vaiamos tomando conciencia desa realidade.

En Pontevedra aspiramos a que a rúa sexa como a continuación da nosa propia casa, coas súas comodidades e cos mínimos riscos.

Os programas de calmado do tráfico leváronse a cabo con éxito. A redución do número de accidentes foi drástica nos últimos anos. Hai máis coches, pero menos accidentes, e os que hai son máis leves. Levamos varios anos sen víctimas mortais na zona urbana. Co programa Camiño Escolar queremos reforzar aínda un pouco máis a seguridade viaria nas horas de entrada e saída ao cole, de tal xeito que os pais e nais poidan confiar aínda máis na cidade como espazo seguro.

Precisamente unha das fontes nas que se inspirou a reforma urbana pontevedresa é a obra do psicopedagogo italiano Francesco Tonucci (es.wikipedia.org/wiki/Francesco_Tonucci) “A cidade dos nenos”. Nela, aposta pola modificación dos espazos públicos para adaptalos aos nenos, aos anciáns, aos discapacitados... aos máis febles, conseguindo así que a cidade sexa máis amigábel para todas e todos.

Os seres humanos temos unha chea de necesidades. As máis básicas son as fisiolóxicas (alimentación, auga, aire...), as seguintes as de seguridade (proteción), as de aceptación social (o afecto, o amor, a amizade), as de autoestima (o éxito, o prestixio, a autorrealización) e por último as necesidades de autorrealización (do que somos capaces, o autocumprimento).

Para que todo iso sexa posíbel, desde que nacemos temos que satisfacer a nosa saúde física (alimentación, vivenda, vestidos, hixiene, atención sanitaria, dereito ao soño e ao descanso... pero tamén temos dereito a un espazo exterior axeitado, a practicar o exercizo físico e á proteción dos riscos físicos)

Tamén temos unha serie de necesidades relacionadas coa nosa autonomía persoal, como a patricipación activa na vida, os vencellos afectivos básicos, a interacción entre nenos e adultos, a interacción entre nenos e nenos, a educación formal e non formal, o xogo e o tempo de ocio, e a proteción ante os riscos psicolóxicos. É ben sabido que, en xeral, na rúa hai cada vez menos nenos e nenas, aínda que na Pontevedra dos últimos anos conseguimos ir revertindo esa tendencia.

Se o neno non sae á rúa, pode ver o espazo público como algo alleo a sí. Demasiado tempo de estancia na casa tradúcese nunha clara perda de confianza na cidade, nun espazo público que tamén a eles lles pertence. Esa desposesión do espazo podería traducirse na limitación da súa autonomía, xa que é moito máis difícil sentirse libre e feliz nun espazo que non consideras teu. Tamén se perden moitas oportunidades de relacionarse, de reforzar a seguridade en sí mesmo e incluso podería xerar algúns problemas de saúde.

Os pais e as nais non deben ser unha especie de carceleiros dos seus fillos. A cidade está en condicións de axudarlles a ser máis libres e confiados, xa que as relacións de dependencia obrigadas son moi pouco gratificantes para nenos e pais.

O psicólogo James Hillman exprésao así: “Sen capacidade para xogar con amigos ou explorar o mundo exterior por si mesmos, os nenos perden importantes oportunidades de desenvolverse social, física e cognitivamente”.

A principios dos anos 70, o 80% dos nenos de 7 e 8 anos ían sós á escola, pero nos anos 90, esta cifra baixou até o 9%. Da enquisa realizada pola Policía Local no Colexio Álvarez Limeses, dedúcese que o 95% dos pais ou nais levan aos seus fillos ao cole a pé ou en coche. A maioría destes país estarían de acordo con utilizar o sistema de Camiño Escolar en base á rede de voluntarios, xa que, aínda que Pontevedra é unha cidade moi segura, preocúpanlles os cruce das calzadas.

A vida sedentaria e a falta de exercizo físico resulta preocupante, como recolle un estudo realizado a nivel estatal: a metade dos nenos non fai percorridos diarios de máis de 10 minutos a pé.

Supoñemos que na nosa cidade os datos non son tan duros, e desde o Concello esforzámonos niso, tanto con este plan como con outras iniciativas do fomento do ocio activo, o deporte, etc.

O costume de levar aos nenos ao cole nace coas cidades que se fóron configurando nos anos 70 e 80, que se convertiron en perigosas por mor do tráfico que soportaban. En Pontevedra temos ese grave problema de tráfico resolto, pero aínda queda por resolver a confianza dos pais e nais en que a cidade é un espazo básicamente seguro. Nenos e nenas aprenden coa experiencia. Se ven a cidade como un ámbito que lle ofrece confianza, axiña a fan súa.

Pero se ven que os adultos un desmedido afán protector, defendéndoos contra a cidade (a máxima expresión é levalos en coche cando non hai problema de distancia), o neno non chega a percibir a o espazo público como un ámbito no que poida confiar.

Os nenos e nenas precisan experiencias afectivas que os vencellen á cidade, necesitan notar cómo a cidade non é un espazo agresivo para eles, senón agradábel. As rúas de Pontevedra son espazos para cooperar na súa educación e gañar a súa confianza, non para protexerse delas.

Unha das formas máis intelixentes de participar na cidade é confiar na capacidade da infancia. Así coñeceremos mellor as súas necesidades, o que pensan, o que buscan ou o que lles favorece.