O monte de Pontevedra

Superficie total do Concello: 11.800 Ha

Superficie forestal: 6.346 Ha

Montes Veciñais 3.130 Ha

A superficie forestal do municipio pertence aos veciños e veciñas de Pontevedra. A meirande parte son propiedades particulares cunha superficie media moi reducida e repartida en diferentes parcelas, o que dificulta a súa xestión.

Unha boa parte da superficie forestal componse de montes veciñais en man común. Un tipo de propiedade característico de Galiza, na que o monte é aproveitado polo conxunto da poboación dunha parroquia ou lugar de forma colectiva, pasando así de xerazón en xerazón.

Hai anos, a explotación do monte era un complemento necesario para a actividade agraria, pero hoxe o monte comunal fornece ás familias dunha renda comunitaria que se reinviste no propio coidado do monte, en actuacións comunitarias en beneficio da parroquia, como a construción de Casas da Cultura, accións sociais ou construción e mantemento de infraestruturas.

Ata os anos 80, os montes veciñais en man común eran xestionados pola Administración Pública, pero as reivindicacións veciñais conqueriron que se lles devolvese a propiedade e a xestión do monte. Foi nese momento cando as Comunidades de Montes recibiron montes repoboados na súa meirande parte con piñeiros e eucaliptos, e tiveron que aprender a xestionar ese novo patrimonio.

Qué hai no noso monte?

Como calquera pode observar cando se achega ao contorno da capital, sobre todo hai eucalpitos. É a especie abrumadoramente maioritaria no monte pontevedrés, onde existen tamén áreas de especies caducifolias soas ou mesturadas con piñeiros ou matos, que non chegan nen ao 2% do territorio, segundo os datos oficiais da administración autonómica.

Mestura de eucalipto e piñeiro 3.407 Ha / 53,6%

Mato e 'especies madeireiras' (maiormente eucalipto) 2.081 Ha / 32,8%

Mato - pasteiro 323 Ha / 5,1%

Mato 295 Ha / 4,6%

Moitos montes, especialmente os de propiedade veciñal, están abertos e calquera pode achegarse a eles e gozar do contacto coa natureza.

Os beneficios ambientais relacionados co ocio esténdense así a todos os cidadáns e por isto, cómpre que todos e todas participemos da súa protección. Precisamente por iso, os poderes públicos contribúen á súa conservación e mantemento, sempre guiados polos parámetros dunha xestión forestal sostible.

A meirande parte dos montes veciñais ofrecen a toda a cidadanía diversas áreas recreativas, con instalacións para xantar ou descansar.

Diversas rotas de sendeirismo de gran interes paisaxístico, biolóxico, patrimonial ou cultural, decorren polos montes comunais do municipio.

Son contribucións da propiedade comunal ao uso público dos espazos naturais, unha gran herdanza que todas e todos temos a obriga de mimar e protexer.