As Comunidades de Montes

A meirande parte das comunidades de Montes do municipio agrupáronse na Mancomunidade de Montes de Pontevedra. Arestora, abrangue a doce Comunidades de Montes que, no seu conxunto, xestionan máis de 2.000 hectáreas de superficie forestal nas parroquias de Mourente, Bora, Marcón, Tomeza, Salcedo, Lourizán, Ponte Sampaio, Lérez, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido.

Esta superficie ten, ademais dos seus valores naturais e ecolóxicos, o valor cultural de seren montes veciñais pertencentes ao colectivo parroquial, un xeito de propiedade colectiva de orixe xermánica, propio de Galiza, que da un carácter aberto á propiedade e permite que esta poida utilizarse como zona de lecer do conxunto da cidadanía.

Son 2.000 hectáreas coidadas, vixiadas e xestionadas conforme a plans de ordenación autorizados pola Xunta para cumprir funcións económicas, sociais e ambientais.

Os seus beneficios recaen nos veciños das parroquias e en toda a sociedade pontevedresa.