 |
|
|
Rota >
Museo de Historia da Cidade de Pontevedra
|
|
|
|
O Museo de Historia da Cidade de Pontevedra é unha ambiciosa iniciativa que se vai pór en marcha sobre os vestixios arqueolóxicos descubertos a raíz das escavacións realizadas nos anos 2006 e 2007 na cabeceira sur da ponte do Burgo, e que constitúen o núcleo a partir do que xurdiu e creceu a cidade de Pontevedra.
A licitación que o Concello de Pontevedra, a través da Tenencia de Alcaldía, puxo en marcha en dúas fases (primeiro coa convocatoria, en marcha, dun concurso de anteproxectos de rango internacional e, deseguido, co concurso para execución das obras a partir do proxecto gañador) ten como obxectivo final a materialización dunha infraestrutura museográfica duns 3.000 metros cadrados e valorada en 4.517.288 euros. O financiamento desta custosa actuación será por conta do Concello de Pontevedra e do Ministerio de Cultura.
O concurso de anteproxectos ten carácter internacional e está aberto a estudos de arquitectura de todo o mundo. O gañador do concurso recibirá un premio de 60.000 euros en concepto de anticipo pola redacción do proxecto. Estabelécense tamén un segundo e terceiro premio, dous accesits e queda aberta a posibilidade de que o xurado conceda mencións especiais.
A principal singularidade deste xacemento é a presenza nun reducido espazo dun riquísimo conglomerado de vestixios de épocas moi distintas e que dan testemuña física do xurdimento da Pontevedra histórica. Alí, nun reducido ámbito atopamos elementos de orixe romana, representados polos dous miliarios do século II, a ponte medieval coa súa fábrica orixinal do século XII, o antigo cárcere, a muralla da cidade, o magnífico peirao do século XV e mesmo un camiño lousado na zona portuaria. O conxunto complétase cunha extensa colección de obxectos entre os que destacan os máis de 45.000 fragmentos cerámicos que van desde a época romana ata practicamente a actualidade.
En suma, o Museo de Historia da Cidade acollerá un extraordinario e infrecuente patrimonio arqueolóxico que, ademais, atópase nun excelente estado de conservación, polo que será unha aula didáctica viva e dinámica sobre o nacemento e crecemento dunha cidade. Un recurso de indubidábel valor turístico que potenciará o atractivo dunha cidade monumental e histórica como Pontevedra.
O edificio terá unha superficie construída de 3.012 metros cadrados que proporcionarán 2.738 metros cadrados útiles. O Museo de Historia da Cidade de Pontevedra disporá dunha área de recepción (250 metros cadrados), área de exposición permanente (1.500 metros), área de dinamización cultural (430 metros), área de investigación e administrativa (230 metros), área de servizo (225 metros) e, finalmente, 103 metros para circulacións dos visitantes.
As estruturas arqueolóxicas quedarán, en principio, expostas nunha única sala, que poderá estar conectada coa dedicada á historia da cidade. Por iso, tamén se valora a composición de espazos fronte aos puntos máis significativos para permitir agrupamentos dunhas 15 ou 20 persoas. Obviamente, os arquitectos concursantes deberán evitar que os elementos construtivos dos seus bosquexos afecten á conservación do xacemento. O reto será compatibilizar o novo edificio co xacemento existente, sen que isto comprometa á funcionalidade da nova infraestrutura.
No que atinxe ao deseño do exterior, o concurso convocado pon a máxima énfase no desexo de non renunciar coa construción do museo ao aproveitamento en superficie da praza de Valentín García Escudero, dado que a Tenencia de Alcaldía quere garantir que este espazo, axardinado recentemente nas inmediacións da escavación arqueolóxica, quede preservado para o uso público. Búscase, por tanto, unha idea, unha arquitectura de calidade e enriquecedora da paisaxe urbana.
O Museo de Historia da Cidade é, en fin, unha ambición expresada en forma dun proxecto no que conflúen unha concepción política sobre o urbanismo e o patrimonio, a creatividade arquitectónica e a paixón pola historia dun lugar, recuperada e rescatada do tempo a través da moderna arqueoloxía.
|
|
|
Hoxe é 11.03.2010 | webmaster@pontevedra.eu | Páxina editada o 26.01.2009 polo Concello de Pontevedra. |
|
|