Buscar
  Menú
  Axenda
  Actual
  Visual
 
Rota > Áreas de Xestión> Urbanismo e Territorio

O Patrimonio Cultural


 

Sé do Colexio de Arquitectos Técnicos, na Praza do Peirao


A Casa da Luz, na Praza da Verdura


Interior da Casa das Campás, cedida polo Concello á Universidade para sé do Vicerreitorado


Productos tradicionais do campo, á venda no exterior do Mercado


A Feira Franca, a primeiros de setembro


O mais relevante da traxectoria seguida polo Concello de Pontevedra nos últimos anos en relación a todo o rico Patrimonio que existe no Concello resúmese en dous aspectos básicos:
  • Por un lado, un enfoque global, sistémico, integral, de abordar a posta en valor do patrimonio, moi recoñecido na teoria pero profundamente novidoso na súa aplicación práctica.
  • Por outro, a intensidade, cantidade e velocidade das actuacións que acadaron nun tempo record ser practicamente masivas e mudar de xeito profundo a dinámica para transformala en moi positiva.
Concebir un proxecto de Concello, un modelo urbanístico, unha dinámica económica e social onde a posta en valor do patrimonio sexa unha peza chave integrada noutras liñas de actuación, sobardando unha concepción estritamente conservacionista e isolacionista, foi o punto de partida teórico sobre o que se basearon as decisións e as actuacións sobre o patrimonio, entendido este en senso amplo.

Dende os monumentos até as formas de vida, dende a rehabilatación clásica até os materiais novidosos, dende a dotación dos servizos mais modernos e avanzados até a alegria polos achádegos arqueolóxicos, dende as festas tradicionais até o realce do patrimonio con eventos como a Feira Franca, dende o patrimonio culto até o etnográfico e popular...., todos os aspectos foron impulsados á vez nun proxecto único pero diversificado e complexo que fertilizou todas as múltiples facetas implicadas: a tradición e o valor patrimonial con servizos e prestacións actuais, o orgullo colectivo coa funcionalidade económica, a conservación realzada con materiais e técnicas modernos.

Como resultado temos unha realidade que constitue un orgullo colectivo e un grande éxito pedagóxico: o patrimonio, nas súas máis amplas acepcións, está visto como un activo, como un elemento positivo, como un factor de dinamización social e económica, pola inmensa maioria dos veciños e veciñas, superando asi as reticencias que unha visión reducida e disciplinaria do patrimonio provoca en amplo sectores da poboación.

As actuacións foron múltiples e variadas: peonalización, rehabilitación total ou parcial dunha alta porcentaxe de edificacións protexidas, rehabilitacións senlleiras como as do Mercado, Colexio de Aparelladores, Peregrina, Museo, Arquivo, Pazo da Pedreira, Casa das Campás, Correos, etc, etc., rehabilitación de Muiños, Pontes, casas rurais,.....

Por outro lado, rehabilitación dos espazos públicos, dotandoos de novos pavimentos pero tamén de fibra óptica, gas natural, soterramento de cableado, mobiliario, etc., mixturando, como sempre, tradición e modernidade, sobresaindo o alumeado de deseño exclusivo. Todas estas actuacións fixeron de atractivo e motor para o reasentamento de actividades de residencia, comercial, oficinas,..., e para o uso e disfrute como espazos de convivencia e socialización. Dentro dos espazos públicos reseñar tamén as actuacións especiais sobre o Camiño Xacobeo Portugués ao seu paso polo Concello de Pontevedra.

En canto á Arqueoloxia, foron tantos e tan grandes os achádegos que podemos decir, sen temor a esaxeración, que se descubreu mais neste periodo que en toda a historia precedente: Muralla, restos romanos, cabeceira da Ponte do Burgo (excavación que documenta a historia de Pontevedra dende hai XIX séculos e que é das mais importantes de Galiza), ferreria, musealización da muralla, San Domingos, varios cimiterios,....

Para completar o círculo, todos os espazos que se ian recuperando, modernizando e mellorando, ian sendo utilizados para actuacións que lle deran vida e utilidade, a maior parte delas de caracter patrimonial: feiras, actividades culturais e festivas, etc, en número elevado e acorde as potencialidades de cada espazo. Sobrancea a Feira Franca, o evento de caracter medieval de meirande e mais rápido éxito de todos os que se celebran, que constitue unha posta en valor masiva de toda a cidade histórica, tanto intra como extramuros.

O proceso de recuperación comezou en 1999. É un periodo moi curto para actuar profundamente sobre o Patrimonio; sen embargo, Pontevedra demostrou que poden ser de abondo para modificar absolutamente a tendencia e acadar unha recuperación e unha posta en valor que sorprende a propios e extraños. Na firmeza da decisión, na claridade dos principios, na fortaleza na convición do enorme valor do noso patrimonio, na claridade no camiño de valorizar o propio, a xenerosidade de recursos a hora de impulsar as decisións, están as únicas claves de tan intenso e tan rápido camiño na recuperación dos activos patrimoniais de Pontevedra.






Hoxe é 19.03.2010 | webmaster@pontevedra.eu | Páxina editada o 02.11.2009 polo Concello de Pontevedra.