Buscar
  Menú
  Axenda
  Actual
  Visual
 
Rota > Áreas de Xestión> Urbanismo e Territorio

ARI Estribela


 

Situación Actual de Estribela

Estribela é un núcleo pertencente á parroquia de Lourizán no Concello de Pontevedra.

Localízase fronte á ría de Pontevedra, ao suroeste do termo municipal, lindando directamente co Concello de Marín.

Ten a súa orixe nun asentamento rural de pescadores xurdido na baixa idade media na desembocadura do río Lameiriña, nunha ampla e fértil ribeira marítima.

A súa evolución estivo ligada, en principio, ao gran desenvolvemento pesqueiro e comercial que experimentou o burgo pontevedrés entre os séculos XII-XVI e, en última instancia, ao desenvolvemento do porto de Marín a partir do século XVII.

As obras de construción do porto de Marín e ría de Pontevedra converteron a Estribela nun núcleo de desenvolvemento lineal que se estende a ambas as dúas beiras da estrada antiga que une Marín con Pontevedra.

Hoxe Estribela maniféstase como un núcleo claramente urbano en continuidade co núcleo urbano de Marín, ligado ao desenvolvemento urbano, económico e social deste.


A zona de edificación intensiva do núcleo sofre actualmente un proceso de degradación física e ambiental, e mesmo social, derivado da acción combinatoria dos seguintes factores:

  • Afastamento progresivo do núcleo do mar, razón de ser do mesmo no seu tempo.
  • Deterioro e ruína das edificacións.
  • Crecemento anárquico das edificacións.
  • Traslado mimético de modelos e formas construtivas alleas ao carácter tradicional do conxunto.
  • Falta de caracterización do espazo urbano, propiamente dito.
  • Falta de dotacións e infraestruturas.
  • Falta dunha regulación urbanística específica durante varios anos.
  • Descenso da poboación do núcleo.
  • Cambio social no modo de habitar.
  • Abandono das actividades produtivas tradicionais e da falta de previsión de novas actividades.

Declaración de Área de Reabilitación Integral (ARI)

O proceso de degradación da zona de edificación intensiva do núcleo de Estribela e a necesidade dunha interveción que detivese este proceso e posibilitara a rehabilitación integral da zona xustificou que o Concello de Pontevedra solicitara á Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia a súa declaración como Área de Rehabilitación Integral (ARI), co obxectivo de fomentar a rehabilitación de vivendas e edificios e as actuacións de urbanización e reurbanización da zona que fosen necesarias.

Deste xeito a zona declarouse ARI por Acordo da Conselleira de Vivenda e Solo o 3 de maio de 2007.

A área abarca unha superficie de 64.191,50m2 e no seu ámbito contabilizáronse un total de 481 vivendas (ver plano delimitación e relación de inmóbeis incluídos no ámbito).

Financiamento da ARI e xestión

O financiamento da ARI realízase ao abeiro do Real decreto 801/2005, polo que se aproba o Plan estatal de vivenda 2005-2008, e no Decreto 18/2006 da Xunta de Galicia.

O 11 de novembro de 2007 asinouse, entre o Ministerio de Vivenda, a Consellería de Vivenda e Solo e o Concello de Pontevedra, o Acordo da Comisión Bilateral que establece o financiamento da 1ª Fase, conforme ao programa de actuacións elaborado polo Concello (Programa 2007), que abarca as anualidades 2007-2010 e comprende un total de 100 actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas, así como actuacións de reurbanización e urbanización en espazos públicos.

O custo total das actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas estimado para esta 1ª Fase é de 4.590.000 .
O investimento mínimo previsto para actuacións de reurbanización e urbanización de espazos públicos é de 460.000 .

A achega dos axentes intervintes segundo o tipo de actuacións é a seguinte:

ACTUACIÓNCUSTO TOTAL
ACHEGA MINISTERIO
ACHEGA CC.AA.
ACHEGA CONCELLO
ACHEGA PRIVADOS
Rehab. edificios e vivendas
4.590.000 €
450.000 €
450.000 €
60.000 €
3.630.000€
Infraestruturas e urbannización
460.000 €
90.000 €
135.000 €
235.000 €
0 €
TOTAL
5.050.000 €
540.000 €
585.000 €
295.000 €
3.630.000 €


O Concello de Pontevedra actúa como ente xestor das actuacións a través dunha oficina habilitada ao efecto que funciona como Portelo Único de Vivenda.

Obxetivos das intervencións sobre edificios e vivendas

  • Proporcionar aos edificios as medidas necesarias que garantan a súa seguranza estrutural e construtiva.
  • Garantir as condicións de accesibilidade do inmóbel.
  • Mellorar as condicións de ornato e salubridade.
  • Dotar ao inmóbel das medidas necesarias de protección contraincendios.
  • Proporcionar ás vivendas melloras nas condicións de habitabilidade.
  • Adaptar as instalacións de electricidade, saneamento, fontanería e calefacción á normativa técnica aplicábel.
  • Impulsar e mellorar os sistemas de aforro enerxético.

Tipos de actuacións protexibeis en edificios e vivendas

  • Rehabilitación de edificios. Obras que tendan á adecuación estrutural e funcional do edificio de uso residencial e, en xeral, á mellora dos seus elementos comúns.

  • Rehabilitación de vivenda. Obras que tendan á adecuación local de parte do edificio con destino a uso de vivenda, entendendo por tales as obras tendentes acadar melloras de habitabililidade nela.


Tipos de Axudas

As axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas consistirán nunha subvención a fondo perdido.


Contía das axudas

Subvención por un importe máximo do 80 por 100 do orzamento protexíbel das obras de rehabilitación de edificios e vivendas que se realicen, cunha contía máxima por vivenda subvencionada de 9.000 euros.

Enténdese por orzamento protexíbel o custo real das obras determinado pola suma do prezo total do contrato de execución das obras, os honorarios facultativos e de xestión e as cotas do imposto sobre o valor engadido e, no seu caso, do imposto sobre construcións, instalacións e obras e da taxa por licenza urbanística.


Persoas Beneficiarias das axudas

Propietarios/as, arrendatarios/as ou titulares dalgún dereito de uso, cando as vivendas constitúen o seu domicilio habitual e permanente.

Persoas titulares de vivendas desocupadas sempre que a solicitude leve parello o compromiso de ocupalas elas mesmas ou transmitilas ou cedelas a terceiras persoas en arrendamento ou por calquera outro xeito legal admisíbel, sempre que sexa como residencia habitual.

Información e asesoramento previo

As persoas que pretenda solicitar ás axudas deberán solicitar unha visita de inspección técnica previa ao inicio das obras subvencionábeis, co fin de comprobar o estado do edificio e asesorar ao peticionario/a sobre as posibilidades de mellora e rehabilitación do inmóbel.

As persoas interesadas poderán solicitar da oficina do Portelo Único de Vivenda a prestación dos servizos de redacción de memorias técnicas de obra menor co obxecto de obter a preceptiva licenza de obras e solicitar as axudas.

Solicitudes de axudas e documentación

As solicitudes das axudas económicas presentaranse mediante impreso normalizado xunto coa seguinte documentación, segundo o caso, en orixinal e/ou copia compulsada por duplicado exemplar:

  • DNI/NIF da/do solicitante e, de ser o caso da persoa respresentante.
  • Memoria subscrita por técnico/a competente.
  • En caso de obra maior, proxecto das obras asinado por técnico/a competente.
  • Documento acreditativo da titularidade do inmóbel ou da/s vivenda/s por parte da/do(s) solicitante(s) ou contrato de arrendamento e autorización da persoa propietaria do inmóbel para realizar as obras, no caso de que o solicite o/a arrendatario/a.
  • Licenza municipal de obras.
  • Declaración xurada de que dedicará a vivenda a residencia habitual e permanente ou alugamento durante o prazo mínimo de 5 anos dende a finalización das obras.
  • No caso de remodelación de edificios, declaración xurada de que o destino destes será para vivenda.
  • Certificación de conta bancaria a nome da/do(s) solicitante(s).
  • Declaración xurada das subvencións ou axudas solicitadas ou percibidas por parte doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras para o financiamento da mesma actuación ou proxecto para o que se solicita subvención.
  • Declaración responsábel de atoparse ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, incluíndo as municipais, e fronte á Seguridade Social.
  • Declaración responsábel de non atoparse inhabilitado/a ou estar incurso/a en prohibición para acceder á condición de beneficiario/a de subvencións do Concello de Pontevedra.
  • No caso de existir máis dunha persoa propietaria, autorización delas a unha persoa propietaria para a xestión, tramitación e cobro da subvención.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes de subvencións das persoas interesadas, xunto coa documentación requirida, presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Pontevedra.

O prazo máximo de presentación será o que se fixe na correspondente convocatoria publicada no BOP.

Procedemento

O procedemento de axudas en materia de rehabilitación iníciase mediante a solicitude de cualificación provisional de actuación protexida.

A Delegación Provincial da Consellería de Vivenda e Solo procede, no seu caso, á expedición da cualificación provisional e, unha vez finalizadas as obras dentro do prazo concedido e previa inspección delas, da cualificación definitiva.

Por último, unha vez concedida a cualificación definitiva e acreditado o cumprimento das condicións indicadas na aprobación provisional, tramítase o pagamento das axudas concedidas.

Lexislación aplicábel

Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, polo que se aproba o Plan estatal 2005-2008, para favorecer o acceso aos cidadáns á vivenda.

Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005- 2008.

Bases reguladoras das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na ARI de
Estribela.

Ordenanza xeral de subvencións do Concello de Pontevedra.

Plan especial de reforma interior de Estribela (PERI).

Información

Portelo Único de Vivenda da ARI de Estribela
Oficina Técnica de Rehabilitación (OTR)
Rúa Don Filiberto, s/n (Edificio Teatro Principal), 3º andar. Pontevedra
De luns a venres de 9:00 a 14:00 horas
Teléfono: 986 804 335
E-mail: otrehabilitacion@concellopontevedra.es








Hoxe é 19.03.2010 | webmaster@pontevedra.eu | Páxina editada o 06.05.2009 polo Concello de Pontevedra.