 |
|
|
Rota > Áreas de Xestión> Urbanismo e Territorio
Os espazos públicos
|
|
|
|
Gañar espazos de uso público foi un dos principais obxectivos da xestión municipal dos últimos anos. Os procesos de reducción da presenza masiva de automóbiles na cidade fixo posíbel gañar máis espazos dos que agora goza a cidadanía.
Ademáis das rúas que están someténdose a un proceso integral de renovación grazas á reforma urbana, existe unha ampla cantidade de espazos públicos nos que se desenvolve boa parte da vida pública.
Parques e xardíns
Alameda - Vicenti - Palmeiras. Conforman o pulmón central da cidade. Acollen as Ruínas de Santo Domingo (Museo de Pontevedra) e os edificios da Deputación, Instituto Valle Inclán e Delegación de Educación. Está dividida pola Avda. de Montero Ríos, baixo a que se ubica o aparcadoiro Alameda. Conta cun gran parque infantil homologado.
Xardín da Ferraría. Inscrito no ángulo que forman a igrexa e o convento de San Francisco (hoxe Ministerio de Facenda), acolle no seu centro a Fonte da Ferrería, a máis antiga da cidade e outrora centro social e de convivencia.
Illa de Esculturas ou da Xunqueira do Cobo. Parque natural integrado pola illa que forma o Lérez á altura da antiga xunqueira que hoxe ocupan as instalacións educativas, culturais e deportivas. Exposición de esculturas na natureza; está considerado como un significativo exemplo do movemento artístico denominado “land art”, de relación entre arte e natureza.
Praza de Barcelos. Ubicada na antiga feira de gando, sobre o teito dun aparcadoiro soterrado. Mantén parterres vexetais e un frecuentado parque infantil homologado. Praza de Galiza e Avda. Augusto García Sánchez. Ocupa os terreos da antiga estación de ferrocarril, en Campolongo. Unha praza rectangular cunha senlleira fonte difusora no centro.
Parque de Campolongo - Constitución. Na Urbanización Campolongo, entre as avenidas de Fernández Ladreda e Augusto García Sánchez, nunha área que acolle varios centros educativos e o Centro Deportivo Municipal de Campolongo.
Parque Rosalía Castro. Á beira do Lérez, próximo ao Pazo da Cultura.
Parque dos Gafos. Segue o treito fluvial do río dos Gafos entre a Estación de Autobuses e o parque de Campolongo. Un parque lineal aproveitando os treitos do río que fóron quedando nos diferentes procesos de urbanización realizados sen consideración algunha por este elemento natural. Diversas pasarelas completan un engaiolante e frondoso paseo urbano. Accesos desde Eduardo Pondal - Estación, O Gorgullón, Avda. de Vigo e Fernández Ladreda - Campolongo.
Salóns do Lérez. Perto de Monte Porreiro, avda. de Bos Aires. Neles celébrase a romaría de San Bieito, e na súa proximidade está habilitándose a nova praia fluvial de Pontevedra.
Senda do Lérez. Une a capital con Bora, a través dunha senda de 5 km ao longo do río.
Xunqueira de Alba. Unha gran extensión húmida entre a autoestrada AP9 e Lérez, pertencente á parroquia de Alba. Acceso desde a Avda. Domingo Fontán, o Polígono do Bao e o Camiño da Santiña. Un paseo fluvial ás beiras do río Rons, canalizado tras os recheos do século XX, dá acceso a esta xunqueira de grandes dimensións, visitábel por gran cantidade de sendas e pontes, cun miradoiro central desde o que observar a vida natural.
Outros espazos verdes: Xoan Carlos I, A Parda, O Castañal, Monte Porreiro
Prazas
A Ferraría. No centro. Un dos símbolos da capital. Centro das festas e de calquera visita que chegue a Pontevedra.
A Leña. Outro dos Iconos urbanos, no corazón do Centro Histórico, presidida polo edificio central do Museo de Pontevedra e arrodeada de edificacións populares. Principal centro gastronómico da cidade, especialmente ao aire libre.
A Verdura. Tamén no Centro Histórico, moi próxima á anterior. Centro de lecer, con numerosas terrazas que sobardan os espazos asoportalados.
A Pedreira. Definida pola súa entrada en arco e a presenza do Pazo de Mugartegui, sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Méndez Núñez. A súa fisonomía queda definida polo coorido dos seus balcóns e do Edificio Méndez Núñez, sede da antiga Biblioteca dos Muruais, na que se formou Ramón María del Valle Inclán. Unha estatua do esgrevio escritor camiñando pola praza lembra a súa relación coa cidade.
Curros Enríquez. Irregular e animada praza comercial do Centro Histórico, definida polo edificio do Círculo Mecantil.
Teucro. Praza cuadrangular definida pola súa distinguida arquitectura. Os seus laranxos apórtanlle un aquel de intimismo que a fai moi engaiolante. Toma o seu nome do mítico fundador da cidade, un guerreiro grego de Troia.
Peirao. Tranquila praza na zona do Parador e próxima aos antigos peiraos do Lérez, hoxe desaparecidos baixo a ronda do litoral.
García Escudero. A praza pola que o Centro Histórico mira ao río Lérez e á Ponte do Burgo.
Campiño de Santa María. Antigo miradoiro da cidade sobre o último treito do Lérez, hoxe adro da Real Basílica de Santa María e agradábel espazo histórico.
Principais edificios de carácter socio-cultural
Teatro Principal. Rúa Charino, Centro Histórico. Programación habitual coordenada polos servizos culturais municipais
Pazo da Cultura. Avda. Alexandre Bóveda - Ponte dos Tirantes. Auditorio, salas de conferencias, aulas de actividades, sala de exposicións. Programación habitual coordenada polos servizos culturais municipais
Recinto Feiral. Avda. Alexandre Bóveda. Anexo ao Pazo da Cultura. Programación habitual coordenada polos servizos municipais de Promoción Económica e Cultura.
Centro Sociocultural Caixanova. Praza de San Xosé. Auditorio, salas de conferencias, sala de exposicións. Programación habitual organizada por Caixanova
Café Moderno Fundación Caixa Galicia. Praza de San Xosé. Salas de conferencias, salas de exposicións e cursos. Programación habitual organizada por Caixa Galicia.
Casa das Campás. Rúa Don Filiberto. Centro Histórico. Sede do Vicerreitorado da Universidade de Vigo. Salas de Conferencias, salas de exposicións, programacións de cursos públicos. Restaurada polo Concello e cedida en uso á Universidade.
Museo de Pontevedra. Edificio principal na Praza da Leña, e con 6 sedes en torno ás rúas Pasantería e Sarmiento. Museo, Biblioteca, Arquivos históricos, Salas de Esposicións temporais
Pazo de Mugartegui. Praza da Pedreira. Sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe dos viños Rías Baixas. Salas de degustación e museo temático do viño Rías Baixas. Restaurado polo Concello e cedido en uso ao CR DO Rías Baixas.
Turismo Rías Baixas. Palacete da Avda. de Santa María. Sede do Padroado de Turismo Rías Baixas, da Deputación Provincial. Información turística.
|
|
|
Hoxe é 19.03.2010 | webmaster@pontevedra.eu | Páxina editada o 23.04.2009 polo Concello de Pontevedra. |
|
|