A Policía Local habilita un plan de tráfico polas restriccións no entorno da praza de Touros

Un operativo especial da Policía deixará os arredores da praza de San Roque listos para a celebración en condicións de seguridade dos espectáculos taurinos desta fin de semana. Desde as 6 da tarde quedarán peonalizadas as rúas Alameda, Raíña Vitoria e boa parte de Colón e San Roque, así como as que arrodean a praza e outras menores,  por motivos de seguridade.

En conxunto, será necesario despregar un total de 21 valos con sinalización efémera. A Av. de San Roque quedará cortada nas Corbaceiras en sentido subida, así como a Víctor Said Armesto e outras menores que dan acceso á Praza de Touros. Tamén se cortará o Paseo de Colón á altura da rúa Monteleón, de tal xeito que os vehículos que circulen por esta vía desde a Ponte da Barca, deben dirixirse á Av. de Uruguai. Os vehículos que circulen desde a Av. de Uruguai pola rúa Irmáns Nodales, terán que voltar ás Corbaceiras por San Roque.

En canto aos efectivos humanos da Policía Local, tanto para a celebración taurina como para a multitudinaria festa posterior do sábado, a previsión consiste case en dobrar os servizos con respecto ao que é ordinario  que se organicen ao longo das quendas de tarde e noite para que as touradas e as festas de Peñas decorran con tranquilidade. Tamén se conta coa colaboración e os reforzos da Policía Nacional, con quen se estiveron coordenando os operativos.

Estas medidas, coordenadas pola Concelleira de Protección Cidadá, Carme Dasilva, en colaboración cos responsábeis da seguridade e a mobilidade local, complementan o considerábel reforzo nos servizos de limpeza para os momentos posteriores á festa  e que deixarán o Centro Histórico en bo estado hixiénico para as primeiras horas do domingo.

 

 

 

 

Lembrase a prohibición  da invasión do espazo público con barras de distribución de bebidas, xa que as rúas e prazas son necesarias para a festa en toda a súa extensión e os puntos de venda deste tipo de produtos no centro histórico se consideran suficientes.