Antón Louro asina o convenio para o financiamento da oficina municipal de Vivenda e Rehabilitación

A Consellería, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) achega ao Concello 75.302,46 euros para colaborar no mantemento desta oficina durante o ano en curso, dado que o gasto total de mantemento é de 125.504,10 euros, segundo as estimacións municipais. O convenio ten vixencia ata o próximo 31 de decembro.
A oficina de rehabilitación municipal, ademais de xestionar a Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela, recibe a encomenda de xestión, dentro do territorio municipal, dos programas autonómicos de rehabilitación, Renove, Aluga e erradicación do chabolismo.
A oficina, encargada ademais da tramitación dos expedientes, do seguimento e as visitas técnicas nas actuacións de rehabilitación, está integrada por persoal contratado polo Concello e composto por unha arquitecta, unha arquitecta técnica e unha auxiliar administrativo.
Ao acto de sinatura, celebrado na Biblioteca da Cidade da Cultura, asistiron os representantes dos 32 concellos galegos con áreas de rehabilitación declaradas. No caso da provincia de Pontevedra son os de Pontevedra, Cambados, Cangas, Poio, Tui e Vilagarcía de Arousa.
Durante o acto, Antón Louro mantivo un aparte co conselleiro Agustín Fernández no que intercambiaron opinións sobre o funcionamento das áreas de rehabilitación e falaron tamén doutras cuestións relativas á cooperación entre a Xunta e o Concello de Pontevedra. Louro cualifica como un bo síntoma que a política de vivenda se poida xestionar conxuntamente e sumando esforzos entre as dúas administracións.
Por outra banda, Antón Louro está satisfeito do anuncio realizado tamén polo conselleiro de que a Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Orde que regula as axudas á rehabilitación nas vivendas situadas nas inmediacións dos camiños de Santiago. O Camiño Portugués, que cruza o Concello de Pontevedra tamén ser verá beneficiado por esta medida, polo que Louro deu instrucións de revisar detalladamente esta Orde co fin de determinar as axudas que se podan conceder nas parroquias polas que transita a ruta xacobea. Está previsto que as axudas medias sexan de 5.000 euros, pero poden chegar aos 10.000 euros en determinadas condicións. Estes expedientes serán tamén tramitados pola oficina municipal de rehabilitación, ao estaren incluídos dentro do convenio asinado.