As tres praias do concello listas para a Semana Santa

A Concellería de Medio Ambiente Urbano, dirixida por Raimundo González Carballo, realizou durante esta semana e a pasada, traballos de limpeza e acondicionamento nas tres praias do concello: a de Praceres e as fluviais en Ponte Sampaio e no Lérez.

 

O propósito destes labores é manter os tres areais en condicións para recibir aos visitantes que se acheguen ata Pontevedra durante estas fesas da Semana Santa, e tamén para o uso dos propios veciños de Pontevedra, especialmente aproveitando o bo tempo que está a reinar durante estes días.

 

Os traballos consistiron na limpeza da area, retirada de restos e algas que trouxeron as mareas e as enchentas dos ríos Lérez e Verduxo durante o inverno, así como a limpeza das áreas lúdicas e de recreo que están na contorna das praias de Ponte Sampaio e do Lérez.

 

A Concellaría de Medio Ambiente continuará nestes traballos de limpeza e de mantemento de cara ao verán, para ter listos os tres areais da cidade para esta estación. A finais de maio ou principios de xuño comezarán as tarefas máis específicas de mantemento en relación á achega de area nos casos que sexa preciso, reposición ou tratamento do mobiliario público que se vira afectado co paso do inverno…