O Concello coñece a débeda de Pasarón que se achega aos 20 millóns

Pasarón, a ponte de Monte Porreiro e os accesos a Castrosenín centraron a reunión que esta semana mantiveron o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Deputación, Rafael Louzán. Todos eles son proxectos comúns ás dúas institucións, impulsados polo Concello de Pontevedra. O alcalde recoñeceu logo do encontro non sentirse satisfeito polos resultados do encontro xa que se atopou cunha débeda de Pasarón que xa triplica a cifra inicial de investimento, e porque a Deputación non está disposta a financiar máis que o proxecto de construción do acceso a Castrosenín cando, en realidade, estase a dar servizo a dependencias de ámbito provincial como son Montecelo, o Príncipe Felipe e os Grupos Rurais de Seguridade.

 

O alcalde recoñeceu logo do encontro que “por fin” coñecemos as cifras descoñecidas do remate de Pasarón. “Si se confirman as previsións de incremento de obra, liquidacións e revisións a obra chega aos 20 millóns de euros, coas expropiacións incluídas”, explicaba Fernández Lores quen recoñecía que “nós discrepamos das cifras, temos que comprobalas cos técnicos municipais”. De ser realmente así, o Concello fará unha achega de 10.5 millóns de euros para o campo e a Deputación 9,5 millóns.

 

PONTE DE MONTE PORREIRO


A respecto da nova ponte de Monte Porreiro. No encontro chegouse ao acordo de que a Deputación licite antes de final de ano o segundo tramo desta ronda que unirá a estrada de Campo Lameiro coa rotonda da avenida de Compostela (estrada de Santiago). Este ramal implicará un investimento de 2,5 millóns de euros máis tanto para a execución como as expropiacións. Estas últimas correrán a cargo do Concello.

 

O alcalde quixo lembrar que a construción desta ponte está enmarcada no convenio asinado coa Deputación polo cal o Concello comprometíase a ceder o edificio de Educación á Deputación, e así resolverlle os problemas de espazo para os próximos anos, e a Deputación executaría a nova ronda urbana coa ponte de Monte Porreiro. “Por iso, si o Concello ten que asumir os incrementos das expropiacións, a Deputación terá que asumir os incrementos da obra”, concluía Fernández Lores, quen puntualizou que esta ponte “é unha necesidade para a parte norte da cidade, para dar acceso a Montecelo e a Príncipe Felipe”.

 

ACCESO A CASTROSENÍN


Dentro do Plan provincial anticrise que a Deputación habilitou para os concellos da provincia, o Concello de Pontevedra fixo varias propostas á Deputación para investir no rural do municipio. A principal era o acceso a Castrosenín para dar servizo aos Grupos Rurais de Seguridade da Garda Civil, a Montecelo e ao Príncipe Felipe.

O presidente da Deputación só comprometeu redactar o proxecto para a execución dese viario, pero en ningún momento quixo comprometer máis investimento para a necesaria execución da estrada.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recoñeceuse decepcionado pola negativa da Deputación xa que “non pedimos obras para o municipio expresamente, nin defendemos intereses capitalinos estrictos, senón que estamos a pedir infraestruturas que son unha necesidade para todos os cidadáns da provincia”. É por isto, que o alcalde confirmou que non saíu satisfeito do encontro mantido con Rafael Louzán.