Pontevedra acolle 16 competicións de rango nacional ou internacional durante este ano

A programación deportiva que impulsa a Concellería de Deportes durante este ano traerá á cidade a un mínimo de 50.000 persoas e xerará un retorno socioeconómico que superará os cinco millóns de euros. Así o afirmou o concelleiro, Agustín Fernández, durante a presentación oficial do calendario.

A principal novidade chegará este ano coa incorporación da Ximnasia Rítmica, pois Pontevedra organizará o Campionato de España por equipos e autonomías e, a continuación, a competición individual. Dous torneos que se celebrarán entre o 25 de xuño e o 5 de xullo e nos que se agarda a presenza de máis de 2.000 ximnastas. A outra novidade é o Campionato de España de Baloncesto Infantil Feminino, entre o 14 e o 20 de xuño, con case 500 xogadoras presentes.

Ao longo do ano, Pontevedra albergará 16 competicións ou eventos de rango nacional ou internacional.

Agustín Fernández destacou que o seu departamento encargou un estudo á Universidade de Vigo sobre o impacto do recente Campionato de España de Natación Máster. Con eses datos fará unha avaliación sobre a totalidade da programación municipal, tendo tamén en conta o “enorme esforzo” económico do Concello para facer posible esta programación.

O concelleiro afirmou que os sectores hoteleiro e hostaleiro da cidade terán que implicarse aínda máis no futuro, mesmo asumindo directamente o custo dalgunha competición, tal e como sucede noutras cidades. Ademais, anticipou que a Concellería de Deportes debe ir pensando tamén en apostar por eventos propios e con gran capacidade de atracción (o exemplo é o 4 Picos Bike&Trail) e depender cada vez menos da oferta das federacións nacionais. Ao tempo, propón incrementar o peso do deporte popular.

Por outra banda, Agustín Fernández subliñou o esforzo organizativo que supón albergar estes 15 campionatos nacionais nun ano no que se vai acometer unha obra da importancia da substitución da cuberta do Pavillón Municipal de Deportes, o que obriga a habilitar o Recinto Feiral para a Ximnasia Deportiva e os pavillóns do Príncipe Felipe, Universitario e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para Campionato de España de Baloncesto Infantil.

A listaxe completa de eventos nacionais ou internacionais é a seguinte: