Cero mortos e cinco feridos graves, primeiro balance da Memoria da Policía Local 2014

Cero mortos e cinco feridos graves. Estes son os primeiros datos que se sacan da Memoria da Policía Local 2014 que está a elaborar este departamento de seguridade do Concello. O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou esta mañá que estes datos datos "débense ao bo comportamento da cidadanía e de accións do Goberno como a implantación da velocidade 30km/h, pasos sobreelevados, actuacións na contorno dos centros escolares, e implementación de medidas internas dentro da Policía Local.

Raimundo González explicou que a clasificación dos feridos graves non é un criterio sanitario, senón que obedece a todas aquelas persoas que estiveron hospitalizadas máis de 24 horas.

"A reducción de vítimas de tráfico é unha materia que non admite relaxo nin admite autocomplacencia", explicaba o portavoz do Goberno, quen insistía que "é un incentivo para continuar traballando nesta materia".