Pintado e sinalización de prazas de estacionamento reservadas en toda a cidade

O Concello de Pontevedra iniciou esta noite o pintado de distintas prazas de estacionamento en todo o centro da cidade. Trátase das prazas para usuarios con mobilidade reducida así como as sete reservadas na rúa Echegaray para os facultativos do ambulatorio Virxe Peregrina que realizan servizos de atención domiciliaria e para ambulancias.
O obxectivo da intervención nas prazas de estacionamento para condutores con mobilidade reducida é reducir as posibles barreiras arquitectónicas que teñen coa creación de ramplas ou rebaixe de beirarrúas no seu acceso, ampliar a súa superficie, así como o novo pintado e sinalización para uniformalas en toda a cidade. Neste proxecto tamén está a creación de novas prazas, especialmente en zonas que non existían ou eran moi deficientes como en Sagasta, Augusto García Sánchez ou Benito Corbal.
Neste momento xa están pintadas as prazas de Eduardo Pondal (próximas aos centros de rehabilitación da rúa), Sagasta ou Castelao, entre outras.
A intención é reformar e sinalizar unhas 90 prazas en todo o centro da cidade, e quedarían pendentes para unha segunda fase outras 50. Esta actuación fíxose atendendo a un estado realizado polo equipo de mobilidade do Concello en colaboración coa Asociación Amizade que estudou todas as prazas destas características na cidade, avaliou a súa accesibilidade, estado e as necesidades en distintos puntos do centro urbano.
A empresa API é a encargada de realizar este traballo que estará listo antes do inicio das festas do verán. O custe total é de 60.000 euros.