A Concellería de Educación volve convocar as únicas subvencións públicas que apoian as actividades das ANPA

A Concellería de Educación volve apoiar durante este curso ao movemento educativo pontevedrés cunha nova convocatoria das axudas para financiar as actividades sen ánimo de lucro desenvolvidas polas Asociacións de Nais e Pais (ANPA) durante o curso escolar 2013-2014.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases, destinadas a cubrir programas e actividades desenvolvidas entre o 1 de setembro de 2013 e o 31 de agosto de 2014. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, polo que remata o próximo 28 de xullo.

As subvencións apoiarán actividades promovidas polas ANPA que teñan interese educativo, pero recálcase que deben encadrarse no ámbito da promoción do deporte, ocupación do tempo libre e promoción da cultura.

O concelleiro, Agustín Fernández, destacou que o importe total das axudas é de 24.670 euros, o mesmo dos últimos anos, sen ningún tipo de redución. O concelleiro destaca, ademais, que trátase das únicas axudas públicas ás que pode optar o movemento educativo, toda vez que nin a Xunta de Galicia, nin a Deputación Provincial puxeron en marcha convocatorias de relevancia durante os últimos anos.

Fernández tamén destacou que houbo serias dificultades para poder sacar adiante esta convocatoria, pois a recente Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, impulsada polo Goberno de España, retirou aos concellos toda competencia educativa máis alá do puro mantemento e conservación dos colexios.