Final do Campionato feminino de Brisca e Tute este sábado no Mercantil

A sede da Sociedade Mercantil de Pontevedra, na praza de Curros Enríquez, acollerá mañá pola tarde, a partir das 17.00 horas, a final do Campionato de Baralla –Brisca e Tute- que promove a Concellaría de Muller en diferentes parroquias e barrios de Pontevedra.
Nesta recta final do campionato participarán 40 mulleres de Cerponzóns, Monte Porreiro, A Parda, Salcedo, e disputarán dúas semifinais e unha final. A xornada rematará sobre as 19.30 horas coa entrega dos premios ás gañadoras.
O campionato comezou neste ano e disputouse nos citados barrios e parroquias, inicialmente, sen competición entre as participantes, dado que nunha primeira fase do proxecto se buscaba a formación das parellas ou tríos que participaban.
Unha segunda fase do proxecto consistiu nunha eliminatoria –xa con carácter competitivo- celebrada na Casa da Cultura de Marcón, da que saíron as persoas que este sábado disputarán a semifinal e a final na sede do Mercantil.
Debido ao grande éxito e acollida que tivo este proxecto, a Concellaría de Muller estuda volver repetilo de cara ao vindeiro curso e, tal vez, estendelo a outros barrios e parroquias.