Aprobada a licitación do desdobramento da avenida de Vigo, que pasará aos boletíns oficiais

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá unha Xunta de Goberno extraordinaria para aprobar a licitación do desdobramento da avenida de Vigo. Segundo informou esta mañá o concelleiro de obras, Luís Bará, o prego ten un prezo de licitación de 4.156.055,11 euros, que serán financiados en dúas anualidades: 2.156.055 euros en 2014 e 2 millóns de euros en 2015.
Luís Bará explicou que “é unha grande noticia e moi esperada” e debido ao elevado custe da obra “estamos ante a actuación do mandanto, que suporá a transformación da zona sur da cidade”.
Nos próximos días a licitación sairá publicada no BOP e no DOG, e dende esa data as empresas terán un prazo de 26 días para presentar as súas ofertas.
O concelleiro confía en que no mes de abril poda comezar a valorarse as ofertas, e en función do número que se presenten a adxudicación poderá estar lista antes do verán. Dende a adxudicación, a empresa gañadora terá o prazo dun mes para concretar o proxecto, “polo que eu espero que as máquinas estean movendo terras e explanando no verán”. Tamén lembro que estes primeiros traballos poderanse compaxinar coas obras de mellora da avenida da Estación.
Os traballos na avenida da Estación están incluídos dentro da mellora do proxecto que teñen un custe de 1,7 millóns de euros (IVE incluído). O que estivo fora dos 4 millóns foron as expropiacións, xa rematadas.