Pont-Up Store 2018: Tecnoloxías, competencias dixitais e videoxogos

32
  •  O evento acollerá a presentación de 50 novos emprendementos e nel participarán empresas locais que están deseñando e programando os videoxogos máis punteiros
  • A cita terá lugar na Praza do Concello os días 20, 21 e 22 de setembro

O encontro de emprendemento máis importante de Galicia, presentou esta mañá en Pontevedra a programación da súa 5aedición que se desenvolverá os días 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España de Pontevedra. No acto participaron a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, o responsable de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e o director do PONT-UP STORE, Pedro Figueroa.

Anabel Gulías destacou a cooperación institucional para “poñer en marcha un ecosistema creativo que permite ás emprendedoras e emprendedores atopar na cidade un escenario idóneo para presentar e testar os seus negocios”. Pola súa parte, López Font resaltou “o crecemento exponencial do evento nestes cinco anos de traxectoriae o gran papel deste encontro promovendo a cultura do emprendemento e facilitando ás novas empresas espazo e visibilidade”. O novo vicerreitor, Jorge Soto, marcouse como obxectivo “levar a Pontevedra ás cotas máis altas enc anto a creatividade e emprendemento a través do Pont-Up Store”. Por último, Figueroa avanzou que nesta edición o evento presentará arredor de 50 novos emprendementos, “unha mostra do talento transformador do país, concentrado principalmente no eixe atlántico pero que cada vez máis chega tamén das pequenas vilas”, en concreto un 35% das candidaturas recibidas o ano pasado procedían de poboacións pequenas. O director do encontro avanzou tamén que a día de hoxe recibíronse xa 30 solicitudes de participación entre as que destacan as empresas de base tecnolóxica, que xa suman máis que as recibidas no conxunto das anteriores edicións.

Esta iniciativa, liderada polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal e doutros 11 patrocinadores entre os que se atopa tamén a Deputación de Pontevedra, é froito da cooperación de máis de 35 entidades públicas e privadas que durante estes cinco anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais.

Programación: Actividades en torno á Tecnoloxía e a aprendizaxe

O programa deste ano estará especialmente enfocado ao desenvolvemento de competencias dixitais a través de propostas e formatos que van ter como fío conductor a TECNOLOXÍA e a APRENDIZAXE. O xoves 20 de setembro será unha xornada dedicada á FORMACIÓN con conferencias, encontros, charlas, obradoiros, experiencias de internacionalización e presentacións de iniciativas de economía social.

Dentro desta programación, celebrarase unha sesión dedicada aos videoxogos como oportunidade de emprendemento na que participarán empresas pontevedresas que están deseñando e programando os videoxogos máis punteiros a nivel estatal.

O venres 21 e o sábado 22 a actividade principal xirará en torno á carpa instalada na Praza de España para mostrar os mellores emprendementos galegos tanto nos stands como no espazo central, onde as iniciativas de emprendemento seleccionadas polo comité desenvolverán actividades demostrativas. Volveremos contar tamén cun Laboratorio Creativo de fabricación dixital e impresión 3D, onde haberá exposicións, demostracións e sesións de iniciación en continuo cun especial protagonismo da fabricación dixital enfocada ao mundo da música; e, ao igual que o ano pasado, celebraranse durante o PONT-UP`STORE varios encontros anuais de entidades do ecosistema emprendedor como o Meetup de WordPress, a Asociación Española de Mentoring (AMCES) e a xuntanza anual de AJE Galicia que incluirá unha mesa redonda cos presidentes das 6 AJE de Galicia.

O momento deportivo do evento será o sábado pola tarde, e consitirá nunha carreira de empresas organizada por AJE e ABANCA, con probas de orientación e unha dinámica de retos. O encontro rematará o sábado 22 ás 21H coa entrega de premios aos mellores emprendementos de cada categoría.

Inscricións abertas

Desde o pasado 29 de maio está aberto o prazo para presentar candidaturas a través da web www.pontupstore.com. Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades de dinamización dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 4 mulleres, representantes de importantes empresas e entidades galegas, África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa spin-off NanoInmunoTech (NIT) con sedes en Vigo, Zaragoza e Madrid; Nuria Varela-Portas, xerente e fundadora da empresa de agroalimentación ecolóxica, Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; e Lucía Gregorio, adxunta a dirección de REDEGAL, empresa punteira en e-commerce e apps para IOS, Android e Windows Phone.

Este ano, como novidade, as presentacións de PUNTAZO EXPRÉS serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das escoitantes. A convocatoria para inscribirse en calquera das tres modalidades de participación do PONT-UP STORE permanecerá aberta ata o 8 de xullo e a decisión do comité organizador farase pública o 24 de xullo.

Cinco anos emprendendo

Desde hai dúas edicións o PONT-UP STORE conta oficialmente cunha Comunidade UP! que reúne a todas as persoas emprendedoras que van pasando polo encontro, tecendo unha gran rede galega de emprendemento. Esta comunidade, que protagonizou a campaña da pasada edición, será nesta ocasión o eixo central das celebracións do 5o Aniversario, na que se inclúen a exposición ‘Cos cinco sentidos’, e tamén xornadas de presentacións e networking gamificado.

A campaña deste ano está inspirada nunha Pontevedra retrofuturista e protagonizada por Kore, unha moza emprendedora que chega ao PONT-UP STORE, buscando a axuda e o impulso que precisa para o seu proxecto; e onde atopoa un lugar de encontro, de cooperación, de aprendizaxe, de proxección, de recursos que explotar e de talento transformador.