Hoxe actívase o Plan de mobilidade de Nadal para garantir a seguridade na cidade

215

A concelleira Eva Vilaverde lembra que son datas de concentración de persoas no centro urbano, por iso pide que se respecten as recomendacións da Policía Local.

O operativo estará vixente até o vindeiro 10 de xaneiro.

A Concellaría de Protección Cidadá, que dirixe Eva Vilaverde, activa dende hoxe e até o vindeiro 10 de xaneiro un plan especial de mobilidade de Nadal para garantir a seguridade de todos os movementos (peonís e de vehículos) na cidade. “A previsión deste ano é contar con menos cantidade de xente e de coches de fóra polas restricións das medidas sanitarias, aínda que a afluencia de veciños e veciñas das parroquias á cidade é máis elevada e concéntrase neste período de Nadal, polo tanto hai que tomar medidas igualmente para facilitar a fluidez da mobilidade”, indicou a concelleira.

Dada a situación de pandemia, a concelleira convida a todos os veciños e veciñas a que fagan as tradicionais compras de Nadal ao longo das semanas das festas, evitando aglomeracións en días puntuais e riscos sanitarios.

Lembra que “o espazo público nas zonas comerciais e, en xeral no centro, ten que ser seguro para as persoas, tanto no relativo á superficie dispoñible para andar con comodidade como á ausencia de perigo”, por iso o seu departamento está centrado este ano en garantir a accesibilidade á cidade e a desconxestión de coches no centro.

Ademais da actuación policial, a concelleira pide a colaboración de todas as persoas que se acheguen a Pontevedra para gozar dela con garantías, por iso pide que se empreguen os aneis perimetrais, que atendan as recomendacións da Policía Local e no caso dos vehículos a motor, que empreguen os estacionamentos de bordo.

En relación á mobilidade, o plan xestionado pola Policía Local opera coa división da cidade en tres zonas: centro, anel primario e anel secundario. No centro da cidade agárdase un maior número de persoas, polo que a Policía recomenda que se empreguen os aparcadoiros de borde e que as persoas se acheguen á cidade de maneira gradual ao longo das festas, na medida das súas posibilidades.

Ao respecto da mobilidade a motor, o anel primario está formado polas avenidas que dan acceso ao centro da cidade: Xosé Malvar, Bos Aires, Uruguai, Corbaceiras, Manuel del Palacio, María Victoria Moreno, Estación, Eduardo Pondal e Doce de Novembro. 

O anel secundario inclúe as vías nas que se recepciona o tráfico de entrada e saída á cidade, e que funcionan a modo de circunvalación utilizando a autoestrada, a Parda, a estada de Ourense para baixar por Monte Porreiro ata a entrada da autoestrada de novo.

Zonas sensibles da mobilidade

Neste plan tamén se identifican unha serie de zonas sensibles susceptibles concentracións tanto de persoas como de vehículos. Ao respecto da mobilidade peonil, farase especial fincapé no control dos tramos de Benito Corbal – Sagasta – Castelao – Daniel de la Sota…, que ten unha gran afluencia de persoas.

Ao respecto do tráfico a motor, terán un especial seguimento a praza de Barcelos, polo estacionamento soterrado; Padre Amoedo coa glorieta da Ponte de Santiago; o cruzamento de Xosé Malvar con A Seca e a avenida de Bos Aires; a intersección de Doce de novembro con Teixoeira e Eduardo Pondal e esta última con Uxío Novoneira; a zona Ponte da Barca- Paseo Colón -San Roque; a Ponte das Correntes – Domingo Fontán.

O plan especial inclúe tres elementos: a información á cidadanía, a sinalización, e cortes puntuais en zonas sensibles que se realizaran unicamente no caso de que sexa preciso. Os vehículos de urxencias, servizo público en xeral e os conducidos por persoas de mobilidade reducida, quedarán á marxe dos cortes puntuais e que, en todo caso, se trata dunha medida que se manterá o tempo mínimo imprescindíbel para restablecer uns parámetros de fluidez aceptables na circulación.

Conseguiremos que exista actividade na cidade, tan necesaria para o noso comercio local e demais negocios, pero que se faga en termos de seguridade, comodidade e atendendo á saúde

Eva Vilaverde, concelleira de Protección Cidadá.
Eva Vilaverde, concelleira de Protección Cidadá.