Pontevédrate...

Visita a exposición de Arqueoloxía galega do Museo, con importantes pezas da Idade do Bronce e orfebrería prehistórica

Congresos e Feiras

Pontevedra ten ao seu favor como destino para a celebración de feiras e congresos, a súa longa traxectoria e experiencia no sector turístico, ademais da súa situación xeográfica privilexiada e estratéxica, e a existencia dun sector turístico moi sensibilizado coa importancia do turismo de reunións. De feito, constitúe unha cidade ideal para o estabelecemento de negocios, a apertura de novos mercados e o intercambio de experiencias profesionais.

A súa cómoda accesibilidade, a súa moderna infraestrutura de servizos, a súa ampla oferta de actividades culturais e de lecer, a súa riqueza folclórica e gastronómica, así como os valores ambientais e paisaxísticos do seu contorno, son elementos que se conxugan á perfección para facer da nosa cidade un atractivo destino congresual.

Co fin de promover a cidade como sede para a celebración de feiras, congresos e outras actividades de natureza análoga, naceu en 1998 o organismo autónomo local “Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra”. Este organismo encárgase de programar, directamente ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, actividades culturais, turísticas e comerciais nos ámbitos da música, ópera, teatro, congresos, exposicións, feiras... que teñen lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, no Recinto Feiral e no Teatro Principal.

De feito, tanto o Pazo da Cultura como o Recinto Feiral constitúen todo un contedor cultural ideado como un conxunto de edificios articulados en distintas áreas que poden ser empregadas de forma conxunta, simultánea ou independente.

Pontevedra acolle ao longo de todo o ano numerosas feiras e salóns monográficos, así como congresos, seminarios, encontros e reunións que atraen un número considerábel de visitantes que compatibilizan a súa actividade profesional co goce do tempo libre.

Desde hai tempo, o sector feiral e congresual vén demostrando a súa calidade e eficiencia para facer de calquera evento, un éxito seguro. Non en balde, ano tras ano aumenta o volume de encontros celebrados, a súa relevancia e o número de asistentes.

Pontevedra, capital das Rías Baixas, unha cidade para ver, descubrir e facer negocios.

    O máis buscado
    Navegador

    O Concello

    Pontevédrate

    Áreas

    Pontevedra participa!

    E máis

    Hoxe é 18.10.2017 | contacto@pontevedra.eu | Páxina editada o 09.05.2008 polo Concello de Pontevedra.