A orixe do noso municipio podemos situalo na Idade Media, a raiz da concesión do foro a Pontevedra por parte do Rei Fernando II, en 1169. Este privilexio veu representar prácticamente a acta de fundación da nosa cidade. A pesares de carecer de documentación que o testemuñe, é normal supor que se nomearían certos cargos que dirixisen o destino da nova vila., co que xa teríamos o embrión dunha pequena Administración.
A necesidade de asegurar os seus dereitos, privilexios e termos foi o motor que impulsou aos pobos a conservar os documentos enviados polas autoridades civís e relixiosas, formando con eles o núcleo fundacional do Arquivo, que vai perdurar ata os nosos días.
Hoxe entendemos por Arquivo Municipal o conxunto orgánico de documentos producido e acumulado polo Concello no exercicio das súas funcións e actividades, conservado como testemuña e garantía dos dereitos e deberes da Administración Municipal e os cidadáns, como fonte de información xeral para a xestión administrativa e para todo tipo de investigación.
As funcións do Arquivo Municipal son as seguintes:
• RECOLLER a documentación que lle transfiren as distintas unidades administrativas.
• CUSTODIAR de xeito seguro e ordenado os fondos documentais recibidos.
• SERVIR os fondos documentais á administración municipal, aos ciudadáns e aos investigadores.
Así, o Arquivo Municipal custodia documentos do pasado da nosa cidade que explican o noso presente e orientan cara ao futuro.
Praza de España, s/n
36071 Pontevedra
Telf. 986 804300 ext. 7021
contacto aquí
Hoxe é 21.05.2012 | webmaster@pontevedra.eu | Páxina editada o 16.05.2008 polo Concello de Pontevedra.